A IV Ruta Medela de cicloturismo inclúe un percorrido de 38 quilómetros por puntos de atractivo turístico do municipio
Cervo, 19 de febreiro de 2013-A IV Ruta Medela de cicloturismo que terá lugar o domingo día 3 de marzo xa está en marcha. O Club Medela MTB como organizador e o Concello de Cervo como unha das entidades colaboradoras, presentaron esta mañá o cartel. Un acto no que participaron o alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, o presidente do Club, David Riera e outros socios da entidade.
Trátase dunha ruta de 38 quilómetros e dificultade media que discorrerá por distintos puntos do municipio. Un dos atractivos desta ruta é precisamente o seu percorrido, que partirá ás 9:30 horas dende as inmediacións da piscina de Lieiro pasando por Vilar, Lieiro, Espiñerido, Cervo, Sargadelos, A Senra, Gondrás para rematar no mesmo punto de partida sobre as 15:30 horas.
Durante a ruta os participantes atoparanse con lugares de interese paisaxístico, histórico e patrimonial como as antigas fábricas de salgadura de San Cibrao, o camiño real de Cervo, a fábrica de Sargadelos, o conxunto Histórico-Artístico ou o Paseo dos Namorados. Ademais, está previsto un avituallamento na metade do traxecto para repoñer forzas así como unha comida ao remate da ruta.
O edil de Deportes destaca por unha banda “o valor deportivo desta cita, que congrega todos os anos a decenas de ciclistas interesados en practicar ciclismo cun certo nivel de dificultade” e que ao mesmo tempo “funciona tamén como ruta turística tendo en conta que moitos dos participantes veñen de fóra e teñen a posibilidade de coñecer moitos dos recunchos e dos atractivos do noso municipio”.
Dicir tamén que esta actividade está catalogada como ruta de cicloturismo con tramos de enduro, o que quere dicir que ademais de transcorrer por pistas e camiños inclúe o paso por sendeiros de monte que limpan os propios socios do club e polos que só poden discorrer as bicicletas.
As persoas que desexen participar deben inscribirse previamente poñéndose en contacto co Club Medela MTB a través do correo electrónico: clubmedelamtb@yahoo.es tendo como data límite o 28 de febreiro. Poden acudir tanto ciclistas federados como non federados tendo en conta que a dificultade marcada é de nivel medio. O Club Medela MTB é o encargado da organización desta cita, que adoita convocar a un cento de participantes, e na que colaboran o Concello, a Deputación, Fundación Alcoa e Rodabell.