López Pacio: “Lugo é a cidade peor conectada do Estado español”
CxG móstrase contrariada pola paralización das obras da autovía entre Santiago e Lugo
Compromiso por Galicia de Lugo ven de manifestar, a través da súa coordinadora territorial, Rocio López Pacio, “a súa contrariedade”, pola comunicación efectuada polas empresas encargadas de realizar a autovía entre Santiago e Lugo na cal se manifesta a paralización dos traballos por non dispoñer de orzamentos para os anos 2013 e 2014. López Pacio asegura que “o Ministerio de Fomento e a Consellería de Insfraestruturas deben asumir responsabilidades”, xa que “a única cidade galega coa que conecta Lugo por alta velocidade é A Coruña”, sendo isto un completo despropósito. “Lugo e á cidade que ten as peores comunicacións por tren e estrada de todo o Estado español”, sentencía a líder da organización galeguista.
Dende Compromiso por Galicia, asegura López Pacio, “entendemos que en época de crise hai que priorizar”, e se ben a nosa organización aposta decididamente “polo coñecemento e non polo cemento inútil”, cre que esta vía de alta capacidade, ou a conexión por ferrocarril, “é imprescindible para o crecemento económico e a creación de emprego na cidade de Lugo e na provincia”. Para rematar, a dirixente galeguista cre que o modelo de desenvolvemento da rede de estradas en Galicia, consolidando o eixo atlántico, deixa sen vertebrar o interior do país, “e este histórico abandono sufrido por Lugo é, a estas alturas do século XXI, insufrible”.