Barreiros, 22 de febreiro de 2013. O alcalde, Alfonso Fuente Parga, insiste en que a gardería municipal quedou no 2012 sen os 35.000 euros anuais que viña recibindo da Deputación Provincial de Lugo e considera que esta situación voltará a repetirse este ano. O rexedor sinala que na institución provincial case nunca priorizan para garderías e para servizos sociais, pero sí para festas e para saraos.
O alcalde barreirense amósase sorprendido “ao ler hoxe as declaracións do Bloque Nacionalista Galego, do señor Antonio Veiga e da señora Ana Ermida, porque a verdade é que non sei si é para rirse ou para chorar, da forma que se expresan. Din que non se retirou ningunha axuda á gardería municipal, simplemente que esta liña de axudas desapareceu. Pois que veña Deus e o vexa, que mo expliquen. Si esa liña desapareceu a gardería de Barreiros quedou sen 35.000 euros e non hai outra forma de chamarlle”.
Alfonso Fuente engade que “despois estes señores veñen dicir que o goberno do Estado…. miren, a min díganme o que queiran do goberno do Estado e da Xunta de Galicia. Os 35.000 euros para Barreiros non viñeron, irían por outro sitio. E esa é a realidade e non hai outra e senón que me digan a min onde están, como non sacaron esa liña de axudas, non se puido pedir esa axuda e a Deputación Provincial non nos deu os 35.000 euros. Esa é a realidade”.
O rexedor indicou que “e cando digo unha cousa, digo a outra: a Xunta de Galicia baixou 2.000 euros do que viña dando, pero a Deputación baixou 35.000. Polo tanto insisto en que o Bloque Nacionalista Galego non está facultado para falar de recortes no noso concello. Iso si é un recorte, é unha retirada dunha subvención, que vai asumir o Concello de Barreiros con cargo aos impostos de todos os veciños porque senón teríamos que pechar a gardería. E iso non vai pasar porque hai un alcalde consecuente, que considera que é un servizo que hai que prestar e vaino seguir prestando igual que os servizos sociais e igual que tivo que facerse cargo tamén da teleasistencia porque a Deputación de Lugo non se quería facer cargo”.
Fuente Parga insistiu en que “a realidade é que aquí no ano 2011 se recibiron 35.000 euros para a gardería e no ano 2012 non se recibiron e no 2013 me temo que tampouco porque, como temos que facer todos os alcaldes exercendo o goberno é priorizar os investimentos. Na Deputación tamén priorizan pero case nunca nin nas garderías nin nos servizos sociais, na maioría dos casos en festas e saraos, iso é no que priorizan. Alá eles, pero dicir que non se retirou a axuda, simplemente que desapareceu a liña de axudas é dicir o mesmo. É dicir, que non hai os cartos para Barreiros, esa é a realidade”.