– A instalación de puntos wifi; a mellora da calidade da banda longa; creación de portais web e actualización dos seus contidos; auditorías e asesoramento in situ son algunhas das prestacións que o organismo provincial pon a disposición das entidades locais.
– Os municipios interesados deberán enviar á institución luguesa antes do 15 de maio unha solicitude de adhesión, na que deberán nomear un interlocutor co obxectivo de manter unha relación fluída coa Deputación e garantir a operatividade dos proxectos.
– Martínez explicou que, ademais de novas dotacións técnicas, incorpórase un importante equipo humano que asesorará ós Concellos para fomentar o uso das aplicacións tecnolóxicas implantadas, garantir o seu correcto funcionamento e sacarlle o máximo partido.
O voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, anunciou estes venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que a Deputación de Lugo enviou hoxe mesmo ós Alcaldes dos 49 Concellos adheridos gratuíta e voluntariamente ó programa Innova-TE, financiado ó 80% por fondos europeos, unha carta na que lles ofrece un paquete de 8 novos servizos tecnolóxicos, “que lles permitirán optimizar o traballo municipal e, en consecuencia, prestar unha mellor e máis áxil atención ós cidadáns”. Asumindo o custe da implantación destes 8 novos servizos, o organismo provincial aforraralle a cada Concello uns 35.000 euros, de xeito que, se finalmente aceptan todos adherirse, o aforro conxunto ascenderá a 2 millóns de euros.
As prestacións que a Deputación pon a disposición dos Concellos de maneira totalmente gratuíta son as seguintes:
– Instalación de puntos wifi de acceso libre e gratuíto a Internet en espazos públicos.
– Mellora da calidade do servizo de banda longa.
– Asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do Innova-TE.
– Creación de portal web e actualización de contidos nos xa existentes, activados na primeira fase do Innova-TE.
– Servizo de dinamizadores tecnolóxicos. Un equipo de 6 persoas prestará asesoramento técnico personalizado e in situ ós traballadores municipais para fomentar o uso da Administración Electrónica, implantada na primeira parte do Innova-TE, e para sacarlle o máximo partido.
– Centro de Asesoramento Tecnolóxico. Prestarase un servizo de asesoramento tecnolóxico ós Concellos para resolver calquera dúbida ou consulta que poida xurdir no uso dos servizos implantados, tanto na primeira fase do Innova-TE, como nesta segunda, agora en marcha.
– Elaboración dun informe de recomendacións sobre o cumprimento da Lei de Protección de datos de Carácter Persoal, ó que están obrigadas as administracións locais.
– Realización dunha auditoría ós 49 Concellos do Innova-TE sobre a dotación de infraestruturas tecnolóxicas que lles foron proporcionadas na primeira fase deste programa co fin de garantir o seu correcto funcionamento e determinar a súa continuidade ou mellora.
A contratación dalgún destes novos servizos xa foi aprobada pola Xunta de Goberno. É o caso do servizo de dinamizadores, que precisamente recibiu luz verde na sesión de hoxe. Tamén foi aprobado recentemente o proxecto de instalación de puntos wifi ou a elaboración dun informe de recomendacións sobre o cumprimento da Lei de Protección de Datos. Os restantes proxectos serán aprobados nas vindeiras semanas.
Un novo impulso cun importante equipo humano
Manuel Martínez explicou que no novo paquete de servizos tecnolóxicos, a Deputación non só ofrece dotacións técnicas, senón que incorpora un importante equipo humano que dará ós Concellos un asesoramento personalizado co obxectivo de fomentalo uso das aplicacións proporcionadas -tanto na primeira fase do Innova-TE (administración electrónica, portais web…), como nesta segunda fase (puntos wifi; mellora da banda longa)- ademais de garantir o seu correcto funcionamento, e sacarlle o máximo partido.
Os Concellos que estean interesados en implantar as prestacións, teñen que enviar á Deputación antes do vindeiro 15 de maio unha solicitude de adhesión, no que deben nomear a un interlocutor ou técnico co fin de manter unha relación fluída coa institución luguesa e garantir a operatividade dos proxectos. Unha vez recibidas as peticións, concertarase co interlocutor designado unha visita dos técnicos do Innova-TE ó Concello para planificar as actuacións a realizar.
Chamada á responsabilidade
O Deputado fixo neste senso un chamamento á responsabilidade e ó compromiso dos Concellos, “pois no proxecto Innova-TE, como en todos, hai dereitos, pero tamén deberes. Isto ten que ser unha relación recíproca, todos temos que poñer da nosa parte para que funcione”.
O froito dunha boa xestión dos fondos europeos
A Deputación de Lugo desenvolveu entre 2009 e 2011 unha primeira fase do plan Innova-TE, dotada con 9 millóns de euros, achegados nun 80% pola Unión Europa. Nese momento, a Deputación ofreceu a tódolos Concellos da provincia –excepto ó de Lugo, pois xa é destinatario doutros proxectos europeos- a posibilidade de sumarse á iniciativa para beneficiarse dos seus investimentos. Adheríronse voluntariamente 49 Concellos de todas as cores políticas.
Coa primeira fase do Innova-Te, a Deputación aforroulle a cada municipio uns 300.000 euros na implantación da Administración Electrónica, un servizo que as administracións públicas están obrigadas por Lei a ofrecer á cidadanía, e que permite ós veciños facer trámites coa administración pública a través de Internet, sen ter que desprazarse ó consistorio, o que lles aforra tempo e diñeiro. Os lucenses poden facer a día de hoxe 143 trámites on line coa Deputación e 49 cos Concellos.
As entidades locais recibiron tamén asesoramento personalizado e in situ para os seus traballadores co fin de implantar a administración sen papeis; creáronse Intranets corporativas con diversas ferramentas; mellorouse a conexión a Internet con banda longa; modernizáronse portais web; e dotouse ós consistorios de material informático e tecnolóxico.
A boa xestión que fixo a Deputación da primeira fase do Innova-TE foi premiada pola Unión Europea concedéndolle unha segunda fase, denominada Innova-TE2: Deputación Dixital, e incrementando a súa contía económica ata os 15 millóns de euros, igualmente achegados nun 80% pola UE. Esta fase é a que a Deputación ten nestes momentos en marcha e da que forma parte o paquete de 8 novos servizos tecnolóxicos ofrecidos ós Alcaldes na misiva que lles foi remitida hoxe.
Os 49 Concellos do Innova-TE son os seguintes: Abadín, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Sober, Taboada, Triacastela e Viveiro.
Outros asuntos da Xunta de Goberno
Na sesión de hoxe da Xunta de Goberno aprobouse outro asunto vinculado directamente coas TIC, pois acordouse a contratación do mantemento dos servizos de reprografía para o 2013 por valor de 67.000 euros. Isto supón un aforro do 8% con respecto ó ano pasado, principalmente debido a dous factores: pola implantación de mecanismos internos para racionalizar o consumo; e pola centralización da tódolos servizos relacionados coa informática e as TIC no departamento provincial de Novas Tecnoloxías, unha medida “coa que optimizamos o gasto”, destacou o voceiro provincial socialista.
Manuel Martínez adiantou que unha das funcións dos dinamizadores TIC que a Deputación poñerá a disposición dos Concellos será facerlles unha serie de recomendacións para que se poidan beneficiar tamén dos aforros que a institución luguesa conseguiu neste ámbito, e poidan baixar o gasto en material de oficina, reprografía ou equipamentos informáticos.
Comunidades Veciñais
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou 3 contas xustificativas de obras do Plan de Comunidades Veciñais do 2012. Trátase de proxectos por un valor total de 36.000 euros, acometidos nos Concellos da Fonsagrada e Lugo. En concreto, trátase das seguintes actuacións:
– O acondicionamento da antiga escola unitaria do núcleo de Castañoso, na parroquia de Maderne, na Fonsagrada, unha obra para a que a asociación veciñal recibiu 12.000 euros.
– A restauración do retablo da Virxe da Esperanza da igrexa de A Nova, en Lugo, por valor de 12.0000 euros.
– E o arranxo do camiño de Veiga das Estrigueiras a Liñerín, na parroquia lucense de Gondar, que tamén recibiu unha axuda de 12.000 euros.
Obras en Baleira e Láncara
A Xunta de Goberno deu luz verde ós Plan de Seguridade e Saúde no Traballo de dúas obras en Baleira e Láncara. No caso do Concello baleirense trátase do acondicionamento dunha ponte na LU-P-0408 á altura de Córneas. O investimento é de 30.100 euros e o prazo de execución, de tres meses. As obras comezarán en canto Deputación e Confederación Hidrográfica do Cantábrico resolvan unha diferenza de criterio no proxecto técnico. En canto a Láncara, trátase dunha pequena obra por valor de 5.000 euros e cun prazo de execución dunha semana, coa que a Deputación completará a dotación da traída de auga ós núcleos de Mourillón e Toubille. Tras asumir unha primeira fase cun investimento de 31.300 euros, que xa está rematada, agora o organismo lugués financia tamén esta parte, que lle correspondía custear ó Concello






















Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
Será este xoves, día 14 de maio, ás 19:00 horas no salón de actos do Concello. O mago Pedro Bugarín presentará o seu espectáculo titulado Galicia con maxia. Para esta actividade o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
O mozo ciclista continúa a demostrar o gran nivel desta tempada, na que suma xa un primeiro posto e un terceiro nas últimas probas das Escolas de Ciclismo da Federación Galega. Uns resultados que reflicten o seu esforzo, constancia e paixón polo deporte. O Concello tamén quixo poñer en valor o traballo do club Medela MTB, pola súa aposta pola formación e polo deporte base, acompañando aos máis novos no seu crecemento deportivo e persoal. Desde Cervo trasladan os parabéns a Mateo e á familia Medela, e destacan o orgullo polos éxitos e pola excelente tempada que están a realizar.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou a capacidade da romaría para conservar viva unha tradición transmitida de xeración en xeración e profundamente vinculada á identidade da comarca. Xosé Merelles puxo en valor o papel da Romaría do Bispo Santo como exemplo do turismo cultural e espiritual que promove Galicia, baseado na autenticidade, na conservación das tradicións e no patrimonio inmaterial.
O encontro incluíu sesión vermú amenizada polo Dúo The Poker e unha comida popular con empanada, embutido, croquetas, xamón cocido, tenreira asada e sobremesa. Pola tarde continuou a música e realizáronse sorteos de agasallos achegados polas asociacións colaboradoras. A iniciativa foi organizada pola Asociación O Castelo, en colaboración coas asociacións parroquiais e o Concello de Alfoz, que agradeceron a ampla participación. Durante a xornada tamén houbo un momento de lembranza para Jorge Val, exalcalde falecido hai un ano, destacando o apoio que brindou ás asociacións locais.
Unha actividade organizada pola Asociación Cultural pensada para promocionar os produtos de proximidade e da artesáns, nun ambiente lúdico e festivo. Produtos de horta, conservas, mel, requeixo, plantas ornamentais ou bisuteria son algúns dos produtos que se podían encontrar no mercado, que contou tamén con outras actividades como bautismos hípicos. A Vicepresidencia da Deputación colaborou un ano máis na programación do mercado cun obradoiro de coiro e animación musical.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.



