Voluntariado de Alcoa San Cibrao une forzas hoxe, 26 de abril, para facer a limpeza xeral da nova unidade residencial da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña en Vidueira (Cervo), que iniciará a súa actividade a finais de maio. Dita organización recibe ademais 3.000 dólares de Fundación Alcoa como respaldo a esta iniciativa solidaria dos traballadores da compañía.
A parte da limpeza das dependencias, os voluntarios desembalarán o mobiliario co fin de poñer a punto as novas instalacións e preparalas en condicións óptimas para a súa apertura, prevista para finais de vindeiro mes de maio ou principios de xuño. A empresa Jofrasa colabora tamén aportando os útiles de limpeza necesarios para as tarefas.
A nova unidade residencial da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña terá capacidade para 50 prazas, con habitacións dobres e individuais con baño integrado, comedor, sala de estar, cociña e aula polivalente. Prestará asistencia continuada a persoas con enfermidade mental, que recibirán atención integral e poderán optar a novos programas terapéuticos, non dispoñibles na actualidade en toda a provincia de Lugo, e que están orientados a facilitar a adaptación social de enfermos con entornos menos favorables. O edificio ubícase en Vidueira, dentro do municipio de Cervo, que acolle tamén o Centro de Atención Ocupación para 50 persoas na planta baixa.
.