Á Plataforma cónstalle que os sindicatos sancionados estudan as alegacións contra as dúas sancións impostas pola Sub-delegación do Goberno do Estado á que acusa de persecución por impoñer dúas multas para unha única comunicación de concentración.
Dende a entidade insisten nas provocacións por parte de asistentes ao congreso do Partido Popular do 2 de marzo en Burela e a un exceso de presenza policial que alterou os ánimos dos manifestantes.
A Mariña, 27 de marzo de 2013. Representantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña compareceron na tarde de hoxe para valorar as dúas sancións impostas pola Sub-delegación do Goberno do Estado aos sindicatos – CIG e CCOO – con motivo da concentración celebrada o 2 de marzo na defensa da sanidade pública e pola autonomía da xestión sanitaria da comarca.
A Plataforma cualificou as dúas sancións impostas – de 1.500 euros cada unha – como un intento de pechar as voces que denuncian a degradación e privatización da sanidade pública en xeral e na Mariña en particular así como a perda da autonomía na xestión sanitaria pública comarcal. Neste sentido foron mais alá ao cualificar a decisión da sub-delegación de “represión e persecución” ao impoñer dúas sancións económicas cando a comunicación da concentración foi unicamente unha, non se entende a apertura de dous expedientes diferenciados para un único feito e unha única comunicación.
As sancións van ter as súas correspondentes alegacións e non van facer calar á Plataforma.
Anunciaron que as sancións van ter contestación mediante alegacións na actual fase do procedemento, e avanzaron que estas sancións en ningún caso van supoñer un freo ao traballo de denuncia da situación sanitaria da comarca por parte da Plataforma que en todo caso segue medrando no número de apoios e valoraron como moi positiva e significativa a integración da Xunta de Persoal do Hospital da Costa.
A Plataforma preguntouse si “non hai conflito de intereses” entre a militancia política e a responsabilidade institucional de quen asina as sancións, “descoñecemos en calidade de qué estaba presente o Sr. Carballo Páez no congreso do PP en Burela pero non sería propio e eticamente reprobábel que se convertera en xuíz e parte”
Provocación dos asistentes ao congreso do Partido Popular con xestos obscenos e degradantes que irritaron a moita xente
Insistiron na valoración feita con posterioridade ao 2 de marzo en que a concentración estaba prevista como un acto ruidoso e pacífico como así foi, en ningún momento se superaron os valados perimetrais colocados e cualificaron de indignantes e irritantes a actitude dalgúns asistentes ao congreso do Partido Popular que fixeron xestos obscenos durante a concentración e chegaron a lanzar moedas a afectados por preferentes e subordinadas que apoiaban a concentración. Chama moito a atención que na xustificación da Sub-delegación para impoñer estas sancións “non se aluda en ningún momento a estes feitos cando non foron puntuais senón repetidos e chegaron a provocar a intervención das forzas de seguridade”. Para a Plataforma estes feitos así como o exceso de presenza policial alterou e irritou os ánimos dalgunhas persoas asistentes á concentración.
Campaña “pra que non nos calen a boca”
A Plataforma ten prevista a apertura dunha conta solidaria para seguir traballando na defensa da sanidade pública e para evitar que nos calen a boca con medidas represivas e persecutorias, neste sentido estudan a posibilidade de abrir unha conta solidaria para o financiamento de actividades así como actuacións informativas en diferentes puntos da comarca baixo o lema “para que non nos calen a boca”. É evidente, afirmaron, que estamos sendo molestos e molestas para uns dirixentes da Xunta e do Partido Popular que enganaron e mentiron reiteradamente á Mariña coa xestión da sanidade pública e responden coa represión a quen denuncia estas mentiras.
A Plataforma aproveitou para anunciar a súa presenza o 6 de xuño ás 20:30 na manifestación que terá lugar en Lugo para reclamar o servizo de hemodinámica as 24 horas, medicina nuclear e radioterapia no HULA.