Ermida afirma que “participar nesta marcha é defender os dereitos lingüísticos de todos os galegos e reivindicar a igualdade para os dous idiomas que existen no país”
Os mariñáns que desexen acudir a Compostela terán á súa disposición varios autobuses.
A Mariña, 8 de maio de 2013. A plataforma Queremos Galego da Mariña convida aos mariñáns a participar na manifestación nacional do 17 de maio en Santiago de Compostela convocada con motivo do Día das Letras Galegas baixo o lema ‘Non queremos ser estranxeiras na propia patria. Queremos galego!”, e que sairá ás 12:00 horas do mediodía da Alameda para finalizar na praza da Quintana.
O responsábel da Queremos Galego na comarca, Moncho Ermida, anima a participar nesta marcha “para reivindicar igualdade para os dous idiomas que existen no país. En pleno século XXI é lamentábel que o galego, a nosa lingua propia, continúe a ser marxinada e atacada pola Xunta de Galiza. Non só non existe a igualdade de condicións entre o galego e o castelán, senón que o centro do debate empeza a ser a desaparición do galego.”
“Por todo iso – remata Ermida- sobran motivos para acudir o vindeiro 17 de maio a Compostela é defender o noso idioma que nos diferenza e define como pobo e defender o dereito dos galegos e galegas a vivir en galego. Ademais, participar na manifestación nacional é mostrar apoio a todos aqueles que sofren unha caza de bruxas por defender os seus dereitos lingüísticos.
Queremos Galego pon a disposición dos mariñáns que queiran participar nesta manifestación varios autobuses, de cuxos horarios e lugares de saída se poden informar nos teléfonos da plataforma: 982.140.654 ou 982.58.60.45.