Onte celebrouse a comisión de contas anual no concello de Alfoz, na cal se reflexa unha nefasta xestión por parte da alcaldía do PP.
A débeda do concello de Alfoz na actualidade ascende a 322.893,92 euros, e as inversións reais redúcense tan só a uns escasos 100.000 euros.
Practicamente a totalidade do presuposto emprégase para pagar soldos e gastos correntes do propio concello, e dicir, sen practicamente prestar ningún servizo, o concello gasta case todo o presuposto no propio funcionamento do mesmo, tendo en conta que cada vez se ceden máis competencias a outras institucións como a Deputación, e cando se realiza algunha obra é normalmente con cargo a máis endebedamento.
Ata a chegada de Emilio Lousas a alcaldía, Alfoz era un Concello no que practicamente non existía ningunha débeda, en tan só 6 anos nos que leva cobrando un moi elevado soldo de diñeiro público creou unha débeda superior a 300.000 euros, curiosamente a débeda dende que está na alcaldía aumenta a un ritmo vertixinoso.
Emilio Lousas endebedou ó concello en máis de 300.000 euros e lévalle costado ós veciños nos seis anos que leva outros 300.000 euros, ese é o reflexo da súa xestión. Que xulguen os veciños se esta é a xestión que queren dun alcalde.