Despois da asemblea celebrada o sábado 18 de maio ás 19:30 h, os nacionalistas do val desexan comunicar que:
1º) A asemblea local do BNG ratifica as posicións mantidas até o momento pola organización no sentido de mostrarse disposta ao diálogo e á constitución dun goberno alternativo ao PP dende un punto de vista progresista e que teña como principais preocupacións O Valadouro, a mellora das condicións de vida das súas xentes, o desenvolvemento económico, o emprego e a política social e isto non permite nin ambicións persoais, nin ansias de protagonismo persoal.
2º) As manobras caciquís do PP pra chantaxear as posibilidades dun goberno alternativo á parálise tanto deste como do anterior goberno popular no Valadouro demostran que a este partido o único que lle importa é aguantarse no poder e non poñer solucións ás problemáticas que ten o concello.
3º) Os nacionalistas demostramos dende o primeiro momento esta disposición, antepoñendo un programa de goberno basado na confianza e nas potencialidades do propio territorio, nas súas xentes e nunha acción de goberno democrática e participativa tendo como referencia os dous anos e medio até as próximas eleccións municipais.
4º) Neste sentido os nacionalistas, fomos os primeiros e de momento os únicos, en poñer enriba da mesa as súas condicións programáticas para apoiar un goberno alternativo que pasan por algunhas das seguintes cuestións:
-Orzamentos participativos
-Políticas activas de emprego (impulso de cooperativas, apoio a emprendedores, profesionalización dos artesáns…)
-Posta en valor dos recursos produtivos con especial atención ao sector forestal.
-Política social intensa (crear a figura do dinamizador social, empréstito de libros de texto..)
-Polígono Industrial: Exixir o cumprimento de compromisos adquiridos pola Xunta no pasado e no presente.
-Impulso á unificación dos dous concellos do val.