Burela, 27 de maio de 2013. O Burela FSF recibirá a medalla de ouro do Concello, segundo anunciaba o este mediodía o alcalde, José Mª González Barcia. As xogadoras do equipo de fútbol sala conseguiron a Copa de España, ademais do título de liga.
O rexedor dixo que “desde o Concello, e como representante de todas as veciñas e veciños de Burela, queremos recoñecer publicamente unha vez máis o éxito acadado polo Burela Fútbol Sala Feminino conseguindo a Copa de España onte en Bilbao. Tendo iso en conta, e que recentemente se lles fixo unha homenaxe popular no Concello ás xogadoras e o club con motivo de ter gañado a liga de División de Honra, hoxe pola mañá na comisión de asuntos de pleno que celebramos acordouse por parte de tódolos grupos políticos concederlle a medalla de ouro do Concello de Burela ao Burela FSF polos importantes logros acadados e por ter posto o nome de Burela no máis alto da historia do deporte e da actualidade deportiva”.
José Mª González Barcia explicou que “cremos que é de xustiza recoñecer este mérito. Eu simplemente poño un exemplo: estamos ante unha xesta e un acontecemento histórico porque, que eu saiba e non me gustaría equivocarme, sería o primeiro equipo galego, de calquera especialidade deportiva da máxima categoría que se alza no mesmo ano co título de campión de liga de División de Honor e co título de campión de España. Isto nin o Depor nin o Celta nin ninguén o ten acadado ata o momento. Se cadra ao mellor o Liceo de hóckey no seus mellores tempos. Pero é un acontecemento evidentemente histórico e digno de recoñecer e recoñecerlle ás xogadores ter levado o nome do noso concello pola xeografía de España adiante e poñer o nome de Burela no sitio onde está actualmente”.
E engadiu “polo tanto eu, como representante de todas as veciñas e veciños do noso concello, quero publicamente reiterar o enorme e eterno agradecemento a este equipo, a estas xogadores, ao seu corpo técnico e a propia xunta directiva, que co seu traballo teñen posto o nome de Burela no máis alto do pedestal deportivo. E tamén, por suposto, agradecerlle á afección, aos moitos afeccionados que semana tras semana apoian a estas rapazas. Onte tamén foron moitos os que se concentraron na Praza do Concello, moitos máis probablemente quixeran ter estado pero por circunstancias particulares non puideron facelo”.
Para o alcalde “o que si é certo é que Burela vive un momento realmente espectacular, imborrable, que manteremos nos nosos corazóns e nas nosas retinas durante moitos anos. Moitas grazas ás rapazas do Burela Fútbol Sala Feminino. Estamos eternamente agradecidos e esperamos e confiamos en que os éxitos continúen no futuro, aínda que sabemos que evidentemente volver conseguir o que se ten logrado este ano é moi difícil. Pero con tesón, con ganas e con esa demostración dos valores que sempre caracterizaron ao noso concello (esforzo, capacidade de sacrificio, traballo en equipo, etcétera) estou completamente seguro de que eses éxitos van continuar”.