Dende o PSdG-PSOE de Burela queremos denunciar publicamente o comezo do desmantelamento do Hospital da Costa, e dicimos isto a raíz das informacións que veñen aparecendo nos medios de comunicación nestes días pasados nos que se anunciou a eliminación dun dos postos de oculistas que tiñamos no Hospital, por certo, unha das especialidades nas que hai unha maior lista de espera.
Pero despois das denuncias que os veciños e veciñas nos están a facer chegar, esta redución de servizos non é a única que se está a producir e temos que denunciar casos concretos nos que se demostra que o desmantelamento do Hospital comezou, e onde se demostra que os datos que a Dirección do propio Hospital fai públicos, pouco ou nada teñen que ver coa realidade que estamos a padecer os pacientes.
Temos constancia que as mamografías que se estaban a facer no noso Hospital xa se están a remitir a Lugo, coas conseguintes molestias e alteracións que se provoca nos veciños e veciñas do noso pobo que chega incluso a afectar á vida normal dos mesmos, e que fai que os veciños e veciñas de Burela e da Mariña teñan que perder días de traballo para poder acompañar ás súas familiares para estas probas. Có agravante que teñen que facer fronte ós gastos que isto lles supón en canto a desprazamentos, comida, etc, dos que o SERGAS se desentende.
Ademais destes casos, que son sangrantes, non o son menos a espera para operacións. Chegounos a denuncia do caso dun neno de tres anos que se tiña que operar de vexetacións que tivo que esperar ata seis meses para que o operaran, e que segundo a información que nos fan chegar, de non ser pola insistencia dos pais que ata en tres ocasións puxeron queixa en atención ó paciente, e algunha que outra xestión que tiveron que facer fóra da vía oficial, seguramente hoxe aínda estaría a esperar pola operación.
Outro dos casos que nos veñen de denunciar é o caso de un traballador que está esperando a que o operen dun problema nunha muñeca que leva dende o día 18 de outubro de 2012 esperando pola operación (8 meses), có agravante de que este traballador se atopa en situación de baixa no seu traballo, có conseguinte gasto que produce esta baixa no sistema de saúde e o conseguinte detrimento económico que lle provoca a esta familia nos seus ingresos a fin de mes. Situacións en todo caso intolereables.
Dende o PSdG-PSOE de Burela entendemos estes casos como exemplos do que está a pasar no Hospital, seguramente que existan moitos máis dos que non temos coñecemento. O desmantelamento e a redución de servizos que está a afectar a todos os veciños e veciñas tanto de Burela como da Mariña xa é unha realidade, e segundo os rumores que se están a oír polo Hospital parece ser que seguinte en caer será o servizo de prematuros, có conseguinte problema para os pais dos nenos, pode chegar a darse a rocambolesca situación de que teñan ó neno recen nacido ingresado en Lugo e á nai en Burela.
Mentres isto está a acontecer o noso alcalde, que en teoría, debera de ser o garante de que o pobo de Burela non perdese servizos, ponse do lado do seu partido político (PP) e segue sen protestar nin levantar a voz as instrucións que lle mandan dende Santiago, deixando totalmente desprotexidos ós seus veciños e veciñas, que recordemos, foron ós que o elixiron para defender os seus intereses. ¿Realmente este é un alcalde que se merecen os veciños e veciñas de Burela? Nós dende logo que entendemos que non.