Burela, 12 de xuño de 2013. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, mantivo esta mañá en Madrid un encontro co director general de Marina Mercante, co que repasou algunhas cuestións que ese departamento ten vinculadas co concello.
O rexedor relatou que “en principio desde a Dirección General de Marina Mercante existe unha enorme satisfacción por terse trasladado para o novo edificio. De feito o propio director general confirmoume que vai visitar Burela nas próximas semanas para coñecer in situ cal é a realidade que teñen os traballadores, os empregados e os funcionarios de Capitanía Marítima na nova sede, á que por certo se lle está poñendo nestes días unha valla de peche perimetral para evitar que a zona verde que circunda o edificio poida verse afectada polo paso de bicicletas, motos, etcétera”.
González Barcia tamén explicou que “un dos temas importantes que temos en carteira, e aínda que o Concello non ten competencias na materia entendemos que temos que estar ao lado do sector, é o asunto das tripulacións mínimas. Sobre isto houbo avances nas últimas semanas, o asunto agora mesmo está na Secretaría General Técnica do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Vamos intentar conseguir a documentación pertinente para analizala e a partir de aí desde o Concello evidentemente vamos facer tamén as nosas propostas, atendendo sempre por suposto aos intereses do sector”. O alcalde engadiu que “serán propostas que loxicamente non vamos formular por escrito, porque creo que non procede que o Concello o faga, pero si vamos manter os contactos políticos pertinentes para que as peticións que ten o sector sexan demandadas, senón en todo si en parte, para que poidan faenar nunhas condicións de rendibilidade e de competitividade óptimas”.