A ala-pivote Patricia González Mota, Peque, estivo arroupada polo presidente do CD Burela FS Pescados Rubén, Manuel Blanco, e os directivos Rubén Blanco e Alba Vila para selar o acordo de renovación co que a madrileña, de 26 anos, cumprirá a terceira tempada na Mariña.
“Burela sempre foi a miña primeira opción” confesou a actual pichichi laranxa (28 tantos), que tamén admitiu que foi tentada por outras propostas: “O fútbol sala italiano está moi interesado nas xogadoras españolas, pero nunca dubidei porque este é un club serio que sempre cumpre; hai que manter os pés na terra” explicou Peque. A ala-pivote, entusiasmada aínda co recente dobrete de Liga e Copa de España e co seu paso pola Selección Española, recoñeceu que o listón está moi alto, pero non é imposible: “Será unha tempada difícil de igualar, pero debemos traballar con ilusión. Preséntansenos novos compromisos, a Supercopa será o primeiro termómetro e o noso obxectivo debe seguir sendo o mesmo: mellorar día a día e pelexar por gañalo todo” dixo a madrileña.
Os dirixentes mariñáns aplaudiron a continuidade da talentosa goleadora como “unha garantía para salvagardar a coraxe do equipo en ataque nunha tempada que se abre a novas experiencias competitivas para o proxecto burelista”.