Cervo, 4 de xuño de 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quixo facer público o seu compromiso e o de todo o equipo de goberno coa asistencia sanitaria pública que se presta nos centros de saúde de Cervo e San Cibrao. Unhas declaracións que realizou ante a incerteza causada pola ausencia provisional do médico do ambulatorio de Cervo.
Así, o rexedor explicou que se puxo en contacto con responsables da Consellería de Sanidade para deixar claro que “os centros de saúde de Cervo e San Cibrao teñen que dispoñer de forma permanente, continuada e irrenunciable, de facultativos para prestar servizos médicos”. No caso concreto do ambulatorio de Cervo, onde se produciu a ausencia, Villares reitera que “é imprescindible que haxa sempre un médico de atención primaria”.
O mandatario cervense manifesta que “ao igual que existen dous puntos de asistencia sanitaria no municipio, un en Cervo e outro en San Cibrao, ambos teñen que estar dotados de persoal para o seu funcionamento e asistencia médica”, algo que o primeiro edil considera “indiscutible”.