Ribadeo, 4 de xullo de 2013. Ata a praia das Catedrais achegáronse a pasada fin de semana arredor de 3.000 persoas, segundo os datos que manexa a concelleira de Turismo, Ana Martínez, que advirte de que “segundo vaia avanzando o verán a presenza de turistas incrementarase e o areal ribadense podería chegar a sufrir algún colapso”. As Catedrais é xa un fenómeno turístico internacional a pesares de que a Xunta volveu esquecerse da Mariña e desta praia nun presstrip para xornalistas holandeses que estes días visitan Galicia e a costa desde O Barqueiro cara Ortegal e o resto do litoral agás o lugués. O Concello de Ribadeo segue reclamando un plan de ordenación e actuación para As Catedrais.
A edil nacionalista subliñou que “a praia das Catedrais xa desde o 1 de xullo ten o punto de información turística aberto a diario. Dende hai unha temporada viñamos abrindo durante as fins de semana e a partir do primeiro de xullo o servizo xa está a ser diario”.
Ana Martínez dixo que durante “as fins de semana de xullo fomos notando un incremento importante de visitantes, pero xa nesta fin de semana na que marcou un pouco o arranque da temporada de verán o número de visitantes se incrementou moitísimo, foi moi superior habendo incluso momentos de afluencia tan masiva pola coincidencia da baixa mar que nos leva a pensar que segundo vaia avanzando o verán a situación pode levarnos a un colapso da praia. Estamos preocupados por este motivo e seguimos reclamando das autoridades con competencia sobre a praia das Catedrais que atendan ás demandas que dende o Concello de Ribadeo levamos anos pedindo. As Catedrais son xa un fenómeno turístico non só de Ribadeo, senón da Mariña, de Galicia e mesmo son incluso a imaxe de TurEspaña nalgúns carteis publicitarios”.
A concelleira de Turismo tamén aludiu a unha nota de prensa difundida onte pola Xunta “presentando un presstrip para xornalistas holandeses para que visiten Galicia e coñezan o turismo de natureza, organizado por Turismo de Galicia e pola Oficina de Turismo de España na Haia esqueceron de novo A Mariña, esqueceron de novo a praia das Catedrais e inician o percorrido da costa galega dende o Barqueiro cara o Ortegal seguindo o resto da costa sen sequera nomear a Mariña, sen sequera nomear a praia das Catedrais. Non sei se isto se corresponde cunha casualidade, un esquecemento ou pode ser algo máis”.
A edil ribadense considera que “o que si non se pode negar é que a praia das Catedrais durante esta última fin de semana foi visitada por case tres mil persoas e que a súa procedencia é tan diferente como pode ser Andalucía, Madrid, Asturias, Galicia ou Bulgaria, Suíza, Brasil e mesmo Camboia. Penso que non debemos desbotar nin desatender por parte da Xunta e mesmo do Goberno Central a necesidade inminente de actuar para que esta riqueza natural non se estrague, permitindo o aproveitamento ordenado, razoable e dende logo, sostible, do seu uso. Debemos entre todos reclamar a atención que se merece este destino por parte dunhas políticas turísticas e medio ambientais que o atendan correctamente e dende logo, non perder o tren cando nos está a pasar por diante da porta”.
Ana Martínez indicou que “desde o Concello de Ribadeo, atendemos, de verdade, ás necesidades máis básicas, e contamos coa axuda case única e principal da Deputación de Lugo, aínda que sabemos que non é suficiente, que se requiren actuacións de orde moi superior e sobre as que non temos en moitos casos competencias nin capacidade económica. Máis non podemos facer en solitario sen a implicación seria e dende logo importante de todas as administracións cunha aposta como se merece un lugar xa tan emblemático como é a praia das Catedrais e, dende logo, esperando non ter que chegar a unha situación irrecuperable para que se atenda coa importancia que merece o que dende a cidadanía se está a reclamar, que é unha actuación, unha ordenación e unha regulación para a praia das Catedrais, pero xa”.
Ocupación hostaleira
A concelleira de Turismo sinalou que a ocupación hostaleira da pasada fin de semana en Ribadeo chegou a preto do 100%; “é todo un éxito de convocatoria grazas ás numerosas actividades que durante a fin de semana se foron celebrando na nosa vila como é o caso da concentración de motos, do torneo de fútbol sala feminino, o curso de verán da Universidade da Coruña ou mesmo un concerto de bandas. Eu penso que todo un gran cartel para gozar, pasear e mercar por Ribadeo”.
Durante os tres primeiros días do mes de xullo foron máis de 600 persoas as que visitaron a oficina de turismo situada en Ribadeo, “destacan madrileños, andaluces, castelán leoneses, vascos, asturianos e galegos aos que tamén se debe de engadir unha importante presenza de estranxeiros liderados por alemáns, franceses e arxentinos aínda que tamén nos visitaron dende Polonia, Noruega, Rusia ou mesmo Australia, entre outros. Tamén é importante destacar que por esta oficina están a pasar un gran número de peregrinos que ano a ano se nos vai incrementando dun xeito exponencial convertendo o Camiño Norte nunha vía principal para chegar a Compostela”.