O aspirante á secretaría xeral do partido socialista en Galicia José Ramón Gómez Besteiro referiuse hoxe ao anuncio realizado por Pachi Vázquez de non presentarse ao proceso de elección para a renovación do PSdeG como “unha decisión tomada desde a responsabilidade e a lealdade ao partido como secretario xeral”.
“Pachi Vázquez comparte que agora mesmo é necesario un proceso de renovación que nos vai permitir volver conectar coa cidadanía e facer fronte mellor aos gobernos da dereita máis reaccionaria dos últimos anos, e que o seu lugar nese proceso de renovación debe ser outro diferente ao seu actual cargo”, afirma Gómez Besteiro.
O tamén secretario xeral do PSdeG en Lugo incide en que Pachi “asumiu a responsabilidade de ser o secretario xeral en tempos difíciles” polo que “é xusto recoñecelo”, e agora “tamén demostra ser responsable e consciente, ao querer aportar á recuperación do PSdeG desde outra posición distinta á de secretario xeral”, engade.
“Como militante que son, agradézolle o seu labor ao fronte do partido durante estes anos. Agora o PSdeG inicia unha nova etapa na que a militancia é a dona do destino do partido para que, sexa quen sexa o novo secretario xeral e a nova Executiva, volvamos ser o que sempre fomos: a única alternativa crible de goberno para a maioría social deste país”, finaliza Besteiro.