Foz, 10 de xullo de 2013. Este vindeiro venres, día 12 de xullo, ás dez da noite celebrarase no Campo da Cabana, de Foz, a segunda edición do festival de música galega Coa nosa fala. No programa inclúense seis actuacións musicais e será conducido polo xornalista e presentador de radio e televisión Fidel Fernán.
No festival participarán Lino Quintet, Mariví Maragoto, Chingla, Hugo Torreiro e Yhadira, Sito Sedes e Escolma de Meus. Está organizado pola Banda de Música de Foz coa colaboración do Concello focense, a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz.
Este festival forma parte da programación da oitava edición do ciclo denominado Sons na Rúa, que empezou o pasado día 5 e rematará o 26 con actos todos os venres deste mes.