Este sábado 20 de xullo, ás 00 horas, terá lugar no Pub O Rockuncho (Ribadeo) un concerto, organizado por Galiza Nova, co gallo do Día da Patria Galega. Este acto enmárcase dentro do conxunto de actividades que os nacionalistas están a realizar na comarca da Mariña durante este mes para celebrar o Día da Patria Galega, que é o 25 de xullo, e que este ano se centra en exixir máis soberanía para Galiza.
Neste concerto poderemos disfrutar da música de:
-Carmen Rodríguez (Cantautora). Aínda que Carmen só conta con 17 anos xa pode presumir de ter compartido escenario con Sés. A súa voz non vai deixar indeferente a ninguén.
-Skohlma (punk/rock). Desde Burela chega esta banda cargada de retranca. Monólogos, recitado de poemas, punk e moitas ganas de facerllo pasar ben a quen se achegue polo Rockuncho.
-ArengA (punk/rock). Desde Pontedeume, e con raíces en Rinlo, chegan os ArengA. Aínda que son moi novos este grupo xa leva moitos quilómetros e moitos concertos ás súas costas. Isto permitiulles tocar coas mellores bandas da música galega e até a Euskal Herria levaron o seu acento. A Ribadeo traerán a contundencia das súas guitarras e as súas letras dedicadas, como din eles no seu último cd, “a toda a xente que, por moita terra que lles boten, loitan por chegar á superficie”
Alén deste concerto, desde Galiza Nova, tamén queremos animar a toda a mocidade da Mariña a que asista a unha nova edición do FESTIGAL, que se celebra os días 24 e 25 de xullo no Campus Sur de Compostela. O FESTIGAL está organizado pola Comisión Festigal, Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre. Quen asista poderá atopar cultura, debates, artesanía, cafés-concerto e os concertos da noite onde estará presente o mellor do panorama musical galego: Ses, Nao, García MC…
Finalmente, desde Galiza Nova, queremos animar a toda a xente que queira disfrutar da boa música feita en galego a que este sábado se achegue polo Pub O Rockuncho de Ribadeo a partir das 00 horas.