Barreiros, 20 de xullo de 2013. O Concello inviste preto de 40.000 euros na construción dun novo depósito de auga en Santiago de Reinante. Terá unha capacidade de 250 metros cúbicos e evitará que se produzan problemas no subministro durante o verán, segundo anunciou o alcalde, Alfonso Fuente Parga.
O rexedor explicou que hai uns días deron comezo os traballos na parroquia de Santiago de Reinante para a construción dun novo depósito de auga, “un depósito con 250 metros cúbicos de capacidade para dar servizo a esa parroquia. O obxectivo é que non pase como o ano pasado que tiñamos algún problema no trasfego da auga para facerlle chegar a esa parroquia, que é a máis oriental do Concello e polo verán, por motivos de sección, tiñamos algún problema para que chegara a auga”. Fuente Parga sinalou que “seguindo na execución da mellora da rede de abastecemento se están facendo estes traballos. Houbo que preparar os concursos, preparar as adxudicacións e por iso se retrasou o inicio da súa execución, pero esperamos que ao largo deste mes ou mediados do mes que ben poida estar lista xa esta infraestrutura para poñela en servizo canto antes”.
O investimento total situouse en preto de 40.000 euros. O alcalde indicou que “hai, por un lado, unha adxudicación de 25.000 euros para o depósito e para a plataforma, o que é a base do depósito, destináronse de 11.000 euros. É dicir, suma todo entorno, moi preto, dos 40.000 euros”.
Alfonso Fuente considera que “con esta infraestrutura acumulamos na parte máis alta de Reinante auga. Alí se está utilizando unha bomba que bombea para dar presión a esas zonas altas de Reinante e tamén aí o que facemos é acumular eses 250 metros cúbicos que nos serven como máis capacidade de almacenamento de toda a rede de auga. Deste xeito se solucionarían eses problemas porque aínda que exista un problema de trasfego para encher este depósito temos aí acumulada esa auga, que para esta parroquia é unha capacidade que pode aguantar tranquilamente dous ou tres días sen ningún problema”.
O rexedor barreirense subliñou que “é importante esa infraestrutura igual que outras que se veñen facendo. Hai uns días anunciábamos esa chegada xa da auga, por así dicir, de San Esteban á depuradora de Merille e todas estas cousas que se van sumando pouco a pouco en distintos sitios están facendo que a rede de abastecemento vaia mellorando. Seguimos igual no traballo do día a día cambiando rede que está en fibrocemento, no que coñecemos como uralita, se está cambiando por canalización de pvc, máis moderna e con máis sección e iso fai que teñamos menos fugas e que haxa mellor servizo, máis presión. A día de hoxe, 20 de xullo, mantense unha presión bastante elevada en toda a rede”.