O concelleiro popular de Viveiro, Celestino García Paz, en representación do Grupo Municipal, ven de realizar ó alcalde da Corporación unhas preguntas e rogos sobre os que desexan obter reposta oral ou escrita no vindeiro Pleno municipal.
Por unha banda, recordan que a Deputación Provincial aprobou no Pleno de xuño de 2012 un proxecto para a xeración enerxía eléctrica mediante o aproveitamento das traídas de auga co obxectivo de aforrar nas facturas eléctricas dos concellos que se adheriron ó programa, coma Viveiro. Despois dun ano, os populares preguntan pola situación na que se atopa este proxecto. Ademais, se se vai proceder á súa execución, ¿para cando está prevista a finalización da obra?, preguntan os populares.
Ademais, rexistraron outra pregunta sobre a remodelación da Praza Juan Donapetry recordando que xa se interesaran polos xardíns, a fonte de pedra situada na praza e que levaba moito tempo sen funcionar no pleno celebrado con data do 02/10/2010. Na acta dese pleno consta, segundo os populares, que no proxecto se contemplaba o funcionamento da fonte. Polo tanto, dado a que a día de hoxe non funciona, o grupo municipal do PP de Viveiro pregunta cal é o motivo polo que non mana a auga e para cando está prevista a súa recuperación e posta en funcionamento.
Así mesmo, os populares presentan tres rogos. Por unha banda, rogan ó equipo de goberno que realice as reparacións necesarias para subsanar as deficiencias de pintura, carpintería e aparatos eléctricos que presenta o templete situado nos xardíns Noriega Varela. Tamén propoñen a colocación de carteleiras nas parroquias do concello despois das queixas dos veciños de Covas sobre a falta dun lugar onde colocar bandos municipais, esquelas, etc.