Burela, 5 de xullo de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta tarde, na Casa da Cultura de Burela, na presentación do libro “O Torques de Burela. A xoia do noso patrimonio”, do que é autora a historiadora, especialista en cultura castrexa e directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, que tamén estivo presente no acto de presentación.
Esta publicación é o primeiro exemplar dedicado en exclusiva a esta peza que está considerada a máis importante do patrimonio local e que, a día de hoxe, forma parte dos fondos do Museo de Lugo. O seu obxectivo é o estudo do Patrimonio Cultural da Mariña a través da análise desta peza arqueolóxica prerromana. Neste sentido, Antonio Veiga destacou “o importantísimo papel que xoga esta publicación de cara á divulgación e coñecemento da historia e da cultura da nosa comarca”.
A presentación deste libro enmárcase na segunda edición da Festa Castrexa de Burela, que se celebra esta fin de semana e que ten como obxectivo pór en valor a cultura da zona e entre cuxas actividades se inclúe a procura do Torques de Ouro.