Cervo, 8 de agosto de 2013.- A delegada territorial, Raquel Arias, visitou as obras de reforma que a Xunta de Galicia está a realizar no Museo da Casa da Administración de Sargadelos, onde constatou que os traballos marchan a bo ritmo polo que “a previsión é que estean rematados no mes de outubro”.
A reforma, que promove Turismo de Galicia, afecta á cuberta e fachada do edificio así como á planta semisoto, e supoñen un investimento de 76.875 euros. Raquel Arias, xunto co alcalde de Cervo, Alfonso Villares, subliñou que estas actuacións de conservación e reparación manifestan a aposta da Xunta por impulsar o Museo de Sargadelos como “un dos puntos de referencia cultural e turística da comarca da Mariña”.
Así, no exterior realízanse intervencións de renovación e substitución de lousas, lavado e pintura con silicatos; impermeabilizacións, e obras de carpintería. Doutra parte, no interior do edificio realizaranse obras de mellora de accesibilidade á zona de servizos; restauración de estrutura metálica; tratamento e impermeabilización para eliminación de humidades; redistribución da cámara baixa ou pintado, entre outras actuacións.
Arias incidiu en que estas obras supoñen un novo paso na conservación e na posta en valor do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, unha infraestrutura singular dentro do patrimonio cultural e industrial galego por canto albergou os primeiros altos fornos que funcionaron en Galicia, a partir do ano 1791.
A delegada destacou tanto a importancia patrimonial do conxunto como o seu potencial como recurso turístico. A Casa da Administración, convertida no Museo Histórico de Sargadelos, permite admirar todo tipo de pezas históricas da Real Fábrica de Louza e da actual Fábrica de Cerámica de Sargadelos.
Ao mesmo tempo, o museo ofrece información sobre as distintas etapas históricas da fábrica, sobre as materias primas e a elaboración das pastas para moldear as pezas, sobre a elaboración das formas e a súa tipoloxía ou sobre as coccións e a decoración das pezas.