Ribadeo,14 de agosto de 2013. Ribadeo acollerá do 28 ao 30 de agosto o II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que organiza a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia e tamén a I Mostra de Vehículos Clásicos que se desenvolverá os días 30 e 31 de agosto e 1 de setembro. As instalacións do hotel O Cabazo acollerán os dous eventos.
En total será arredor de 70 os participantes no Fórum, segundo os datos que deu a coñecer esta tarde o presidente de Apaga, Álvaro Doural. O II Fórum dará comezo o 28 de agosto ás nove da mañá coa entrega de documentación e ás 9:30 horas será a inauguración. Haberá ponencias polas mañás e as tardes estarán dedicadas a diversos obradoiros. O evento está dirixido a profesores da familia de transportes e mantemento de vehículos, a profesionais do sector do automóbil, así coma a alumnos universitarios e a afeccionados ao mundo do motor.
Doural subliñou que “o obxectivo é establecer un punto de encontro entre o profesorado, coñecer as últimas tecnoloxías que están a aplicar nos vehículos, realizar talleres de climatización, soldadura, multiplexados, manexo de ferramentas, sistemas de seguridade, etc. E tamén integrar aos traballadores en activo nos procesos de formación ao largo da vida”. O presidente de Apaga engadiu que “mantemos o esquema do programa do ano pasado. Polas mañás haberá conferencias sobre tecnoloxías punteiras no automóbil. Contaremos coa presenza das marcas máis representativas do sector como poden ser BMW, Mercedes, PSA, Bosch… E polas tardes terán lugar unha serie de obradoiros sobre cuestións prácticas”.
Coincidindo co II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos desenvolverase a I Mostra de Vehículos Clásicos. Na exposición poderánse ver máis dunha vintena de coches de marcas como: Mercedes, Citröen, Renault, Seat, Simca… Todo será no recinto do hotel O Cabazo de Ribadeo. A Mostra de Vehículos Clásicos, que será os días 30 e 31 de agosto e 1 de setembro, poderase visitar de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
Esta tarde no Cabazo presentouse o programa definitivo do II Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos e a I Mostra de Vehículos Clásicos. Ao acto asistiu o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga. A institución provincial é un dos patrocinadores desta cita formativa.
Doural e Veiga lembraron que foi hai moitos anos cando naceron unhas xornadas que foron unha referencia en Ribadeo “e que pola desidia dalgunhas administracións deixaron de celebrarse. Nós, modestamente, no que podemos colaborar así o fixemos o ano pasado e neste 2013 e animarvos para que sigades en anos sucesivos. Rematar con ese brinde para que noutras edicións haxa tamén colaboración desde outras institucións e seguir así a estela daquelas xornadas que deron tanta fama a Ribadeo e á comarca”, subliñou o vicepresidente da Deputación de Lugo.
Mostra do interese que esperta este Fórum e a Mostra de Vehículos Clásicos é que un importante coleccionista de coches de Madrid, que se atopa de vacacións en Ribadeo, se puxo en contacto coa organización para interesarse por este proxecto.