A Banda de Foz fundouna en 1992 o mestre Arcadio Mon, no seo da Escola de Música, que dirixía. Pouco mais tarde, o 10 de agosto do ano seguinte, daba o primeiro concerto nos xardíns Conde de Fontao, data que se fixa como inicio da súa andaina; de aí que estea en vésperas de celebrar o XX Aniversario, cunha serie de
actos culturais que se encetan o día 9 cun concerto no colexio nº 1 ó non dispor de Auditorio ou instalación semellante; grave carencia que en boa medida trunca as posibilidades do desenvolvemento cultural da vila. Tras 20 anos esperando a solución, reiteradamente anunciada, hoxendía Foz é acaso o concello da Mariña, neste senso, peor dotado. Moi pouco antes fora creada a Escola que dende o
primeiro día dirixe Arcadio.
Das actividades programadas para conmemorar o aniversario pode subliñarse a edición dun caderniño, de 20 páxinas A-4, ilustradas con 19 fotografías. Os títulos dos comentarios son: “Con el chegou a música”, “ O mundo da música”, “O día da Patrona”, “Himno a Foz”, “Os Pioneiros”, “Arcadio en Luarca”, “A banda de música de Foz perfuma o espazo…” , “Breve enquisa”. Trátase de efeméride que deberíamos apoiar veciños e veciñas asistindo ó concerto anunciado, como adhesión ó feito que o cronista estima o mais transcendental no eido da cultura do noso pobo: a a Escola e a Banda de Música. Neste intre vennos á mente un amigo, de feliz memoria, finado hai uns anos. Melómano consumado e entusiasta seguidor da banda: Germán da Sanchona que, asistindo xuntos a un concerto, díxonos: “nunca pensei chegar a coñecer no noso pobo un colectivo musical coma este”. Pois aí está, dicimos nós. Seguro que o noso lembrado amigo, dende a galaxia que acolle ós que nos deixan, seguirá co entusiasmo de sempre a actuación da Banda de Foz no XX aniversario. Asistir ás súas actuacións é o mellor xeito de amosar a nosa identificación co labor social e didáctico que realiza, así como de animar ós rapaces que a nutren. ¡Non faltes, pois, lector amigo!.
Suso Fernández