Burela, 26 de setembro de 2013. A Comisión Superior de Urbanismo da Xunta informou favorablemente o PXOM de Burela, “tendo en conta que no documento se pedía unha rebaixa da liña de protección de costas de 100 metros”, segundo daba a coñecer este xoves o alcalde, José Mª González Barcia. O concello gaña así 20.200 metros cadrados que poderán ser utilizados para os usos que se fixan no plan xeral.
O rexedor confirmou que “hoxe pola mañá chegou ao Concello de Burela o informe da Comisión Superior de Urbanismo que se reuniu o pasado 18 de setembro para, entre outros asuntos, emitir informe sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Burela, tendo en conta que dentro deste documento se pide que a liña de protección de costas pase, en certas zonas, dos 200 ós 100 metros”.
González Barcia explicou que “son tres as zonas do PXOM nas que se rebaixa esa protección de costas. Unha delas é a dotacional que nós destinamos a usos educativos e que está comprendida entre o Camiño Real, o colexio Vista Alegre e a actual escola infantil. Esa superficie conta cun total de 16.541 metros cadrados e parte deles, 1.512 metros cadrados, estaban incluídos entre a liña de 100 metros e a liña de 200. Con este informe favorable emitido pola Comisión Superior de Urbanismo estes 1.512 metros cadrados pasan a estar liberados da protección de costas”.
O alcalde burelés sinalou que “o segundo solo que se ve beneficiado con este informe favorable é o dotacional que se prevé destinar para aparcadoiros do Hospital da Costa na zona do Perdouro. O conxunto total dese solo ocupa unha superficie de 24.695 metros cadrados, dos que 633 estarían incluídos entre esa liña de 200 e a de 100 metros, co cal ao rebaixarse e levantarse a afectación eses 633 metros cadrados poderán ser empregados para o que se estime oportuno”.
José Mª González Barcia subliñou que “sen dúbida algunha quizás o máis importante e relevante sexa a incidencia que esta medida ten no solo empresarial da zona do Perdouro. Dun ámbito de actuación de 158.130 metros cadrados, ata o de agora había 18.146 metros cadrados afectados por esa protección de costas na liña de 200 metros. Entón esa superficie pasará a formar parte do conxunto do solo empresarial da zona do Perdouro”.
“O Concello de Burela, os seus lexítimos propietarios gañamos con respecto á situación que tiñamos agora uns 20.200 metros, que doutro xeito estarían afectados pola lei de protección de costas e que con estas medidas adoptadas tanto no PXOM coma a través do informe emitido pola Comisión Superior de Urbanismo se levanta a afectación e poderán ser utilizados para os usos que se fixan no plan xeral”, seguiu a relatar o alcalde.
González Barica lembrou que “este informe é preceptivo por parte da Comisión Superior de Urbanismo tendo en conta que estas tres zonas que estaban incluídas dentro do plan xeral. O feito de que a Comisión tratase o PXOM o pasado 18 de setembro foi un dos motivos que nos levou a axilizar o procedemento de aprobación provisional e a facer un pleno o pasado día 9. Nós eramos conscientes de que esa Comisión Superior de Urbanismo se ía celebrar e tiñamos que levar a documentación en tempo e forma á Xunta para que puidese ser incluída na orde do día desa sesión do 18 de setembro, porque de non ser así teríamos que agardar á vindeira xuntanza que terá lugar en decembro, uns días antes do Nadal”. E engadiu que “o equipo de goberno entende e este alcalde entende que Burela non está para perder moito tempo en canto á tramitación do PXOM e por iso se axilizou ao máximo a aprobación provisional do plan, co obxectivo de chegar a tempo a esa Comisión Superior de Urbanismo deste mes”.