Lourenzá, 16 de setembro de 2013. Emma Álvarez Chao fixo este luns balance do seu primeiro ano na Alcaldía, que se cumpriu este domingo, día 15 de setembro. Destes doce meses destaca a promoción da actividade que levan a cabo colectivos no municipio, como a renovada asociación de comerciantes, industriais e autónomos, a creación dunha asociación de sendeirismo ou os pasos dados para a constitución da cooperativa comercializadora de faba de Lourenzá. Tamén salientou obras executadas ou que están en marcha, como a reparación da fachada da igrexa de San Salvador, a rehabilitación do Pazo de Tovar, o arranxo da estrada coñecida como Camiño A ou o acondicionamento da avenida de Soutelo, entre outras. Ademais fixo referencia a xestións levadas a cabo e que darán os seus froitos en breve.
“Parece que foi onte, pero precisamente onte fixo un ano dende que o pasado 15 de setembro de 2012 tomara posesión como alcaldesa neste concello que me viu nacer. Foi un cometido novo para o cal non me sentía preparada, pero traballei con entusiasmo para e por Lourenzá e os laurentinos. Mostra disto foron os froitos de distintas xestións que algunhas xa viron a luz e outras están a piques de executarse”, manifestou esta mañá a alcaldesa. Tamén comentou que dende que está ao fronte do goberno municipal tratou sempre de “fomentar a unión entre os veciños e os distintos sectores do concello: primeiramente, logo dunha reunión con comerciantes e autónomos do concello, saíu adiante unha ACIAL renovada e activa, logo de dimitir meses atrás os seus representantes; tamén se creou unha asociación de sendeirismo, Terras de Lourenzá, para a cal o Concello presta o seu apoio; e do que máis orgullosa me sinto é dos pequenos pero firmes pasos que se están a dar en prol de crear unha cooperativa comercializadora de faba de Lourenzá, froito das miñas xestións coas consellerías de Traballo e de Medio Rural”.
Emma Álvarez engadiu que “froito tamén de distintas reunións con responsables da Xunta de Galicia, mesmo co presidente, fixéronse distintas actuacións: reparouse a ponte de Sendín sobre o río Baos, onde Augas de Galicia investiu máis de 47.000 euros no Camiño A, á espera agora de que a Deputación acepte o traspaso da súa titularidade; están a piques de culminar as obras no Pazo de Tovar, a primeira fase que levou adiante a Consellería de Cultura destinando no ano 2011 un investimento de 360.000 euros, froito dunha iniciativa que eu mesma presentei no Parlamento de Galicia e que viña a culminar o que os dous alcaldes que me precederon, tanto Vidal como Fe, pretenderon nos seus mandatos e, por mor primeiro da propiedade e doutros atrancos despois, non vira a luz ata o de agora; tamén, a través dunha subvención que pediu o Concello, se están a acabar as obras do Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos en Tovar, cun investimento de 135.720 euros, do cal o 70 por cento procede do Agader e o resto póñeno o propietario e o Concello con fondos propios; precisamente estes días está a exposición pública o proxecto de delimitación do Camiño Norte, que froito de investigacións históricas propón unha variante que pase a carón deste pazo, o que axudará a por en valor este investimento e tamén servirá para que se coñeza o noso fértil e fermoso val”.
A rexedora municipal referiuse tamén a actuación da Consellería de Cultura para a rehabilitación da fachada da igrexa de San Salvador, “á cal se lle encontrou un defecto na construción e agora estamos en condicións de asumir, por parte do Concello e da diocese, a limpeza da fachada e a colocación dun sistema que permita reducir o número de pombas e desta maneira previr un futuro deterioro da fachada a consecuencia dos seus excrementos”. Ademais comentou que “neste momento dende a Consellería de Medio Ambiente estase a arranxar a avenida de Soutelo, dándolle así un mellor acceso ao Ceip Juan Rey, no cal a Consellería de Educación está a construír un ascensor para darlle accesibilidade ao centro, cumprindo así a promesa que o presidente da Xunta me trasladou na reunión que mantivemos o 7 de decembro do ano pasado. Tamén no colexio a principios de ano, con fondos propios, o Concello adaptou un baño para discapacitados”.
A alcaldesa salientou tamén que “froito de distintas axudas da Consellería de Industria neste intre estamos cambiando dous alumeados públicos, que nos permitirán reducir o gasto de luz mediante o aforro enerxético, e tamén temos en marcha a colocación de cámaras de vixilancia no polígono industrial e no punto limpo do Concello. Agardamos que sexa concedida a subvención para adaptar as instalacións do mercado gandeiro a un local multiusos. Por outro lado investimos 83.398 euros en repoñer o firme de distintos viarios con fondos propios, da Deputación e a maior parte da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. E seguiremos apostando nesta liña, posto que aínda queda moito por facer. Tamén desbrozamos 50 quilómetros de pistas forestais e neste intre estanse a desbrozar 5 hectáreas de terreos públicos en aras de protexer os núcleos rurais fronte aos incendios forestais. Conveniar coa Xunta a brigada de prevención e extinción e tamén a posta a disposición do distrito da motobomba municipal permitiunos contratar a 8 persoas, axudando así a reducir a lista do paro no noso concello”.
Ademais Álvarez Chao anunciou que o Concello “está a piques de asinar un convenio coa Consellería de Medio Ambiente para facer unha ruta de sendeirismo, que será circular saíndo dende o Cantón e así permitirá coñecer unha boa parte dos atractivos históricos, patrimoniais, naturais e etnográficos do noso concello, mediante a cal tamén se vai recuperar a ponte do Xuncal e unir cun paseo ata o muíño do Pereiro. A Consellería de Medio Rural está facendo os trámites oportunos para acometer as obras na ponte de Gallardo sobre o río Batán, que sufre riscos de derrubamento. Tamén estamos a piques de asinar un convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte para rematar as obras de acondicionamento do campo de fútbol”.
Para concluír a rexedora destacou que o Concello fixo esta labor “mantendo, incluso mellorando nalgún caso, todos os servizos que presta o Concello, como son a dependencia, a axuda no fogar, o taller de memoria, o banco de alimentos, o roupeiro municipal, mesmo ampliamos o horario de atención ao público para facernos máis próximos ao cidadán. Foi un ano de moito traballo, moi intenso, que comezou coa preparación da pasada edición da Festa da Faba e que remata cun balance positivo, xa que se actuou en todos os ámbitos sociais e sectoriais do concello. Destacar o apoio da Xunta de Galicia, dos meus compañeiros de goberno e denunciar, unha vez máis, o sectarismo político que estamos a sufrir coa Deputación de Lugo, que nin tan sequera foi quen de oír as nosas demandas nalgúns dos casos, como por exemplo as obras que vamos acometer no campo de fútbol, pese a ser o deputado de área da nosa comarca”.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



