A terceira edición do certame fotográfico “Enfocando Barreiros” de Ollomao está a piques de pechar o seu prazo de participación. Todas aquelas persoas que desexen participar poderán facelo ata o luns, 30 de setembro. De acordo á liña de traballo escollida para este ano polo colectivo, a temática do concurso é “O rural barreirense”. Esta elección non é casual dado que a asociación barreirense leva dende a súa fundación apostando por un desenvolvemento do medio rural para o seu aproveitamento, sendo este tipo de actividades culturais un xeito máis de pór en valor e dar a coñecer os recursos da parte máis descoñecida do concello barreirense.
Este certame contempla dúas modalidades de participación: unha infantil, que permite a participación de persoas ata os 14 anos; e adulta. No primeiro caso, á fotografía gañadora correspóndelle como premio unha cámara fotográfica. Na modalidade adulta establécense un primeiro premio de 250€ e un segundo de 150€.
Todas as persoas que desexen participar deberán enviar as súas fotografías ata o próximo día 30 de setembro, incluído, por correo electrónico ao enderezo: colectivo.cultural.ollomao@gmail.com., tal e como se establece nas bases de participación publicadas no blog do colectivo: http://www.blogoteca.com/ollomao/.
Curso de teatro infantil
Así mesmo, Ollomao lembra tamén que o mesmo día 30 de setembro, remata o prazo para anotarse no curso de teatro infantil que o colectivo organiza para os meses de Outubro a Maio. As persoas interesadas en inscribir ao seu neno ou nena, de entre 6 e 12 anos, poderán facelo no mesmo enderezo electrónico indicado anteriormente ou ben no teléfono 650542932 (Tamara).