Dende o PSdG-PSOE de Burela, queremos denunciar o desprezo que fai o alcalde de Burela ós veciños e veciñas de Burela. Esta denuncia ven derivada da segunda suspensión da data da celebración do Pleno Ordinario do Concello de Burela que se debera ter celebrado este xoves. O alcalde de Burela decidiu a suspensión do Pleno Ordinario sen dar ningún tipo de explicación, e comunicou ó portavoz do Grupo Municipal do Partido Socialista que se celebraría o vindeiro 3 de outubro, tampouco se convocou o Pleno Ordinario para esa data.
Tendo en conta que se tiña pactado por tódolos grupos políticos do Concello de Burela a celebración dos Plenos Ordinarios no último xoves do mes cunha periodicidade de dous meses, parécenos unha falla de respeto ós veciños e veciñas de Burela, os partidos da oposición e á propia institución. Temos que recordarlle ó Sr Barcia que o Pleno do Concello é o máximo órgano de goberno, e neste órgano é onde se toman as decisións que afectan, positiva ou negativamente a vida dos veciños e veciñas de Burela. Isto que denunciamos é máis grave si cabe porque veñen de celebrarse dous Plenos Extraordinarios, có correspondente gasto para os veciños e veciñas de Burela, nos que os puntos tratados perfectamente puideron ser tratados no Pleno Ordinario. Por certo, convoca os Plenos Extraordinarios polas mañás para poñer trabas ós membros da oposición que non viven disto e que teñen que atender as súas obrigas laborais, polas que se están a gañar a vida. Agora o Sr Barcia atópase con que ten que convocar un Pleno Ordinario carente de puntos para tratar.
O “desgoberno” que reina no pobo de Burela refléxase claramente neste tipo de situacións, no que o alcalde de Burela mostra ben ás claras a súa idea da democracia “fago o que quero porque son o dono do rancho”, alá el, pero dende o PSdG-PSOE de Burela pensamos que se debería de respectar a todos ós veciños e veciñas de Burela e ós seus representantes.
O Sr Alcalde está claro que está a outras cousas, a facer anuncios sen contido e a viaxar, á conta dos veciños e veciñas de Burela, sen parar para non solucionar ningún dos moitos problemas que ten o noso pobo.