Lugo, 16 de outubro de 2013.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias Rodríguez, deron conta este martes da resolución da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade, que ascenden a preto de 550.000 euros (535.548,47 euros) na provincia de Lugo.
López Abella destacou que a resolución destas axudas, que supoñen 3,3 millóns de euros a nivel autonómico, e que foi publicada recentemente no DOG, reflicte a aposta do Goberno galego pola cooperación entre municipios e a prestación conxunta de servizos. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que redunda nunha maior eficiencia e en beneficios para os cidadáns.
Os concellos da provincia de Lugo van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 535.548,47 euros para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación:
• Promoción da igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero
• Fomento da conciliación
• Apoio aos Centros de Información da Muller (CIM).
E precisamente neste ano, co impulso a proxectos de xestión compartida, a partir do cal se primou as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local fronte ás presentadas individualmente, Lugo foi a provincia de lugo onde máis concellos agrupados se presentaron a esta orde de subvención de toda Galicia, segundo destacou López Abella.
Deste xeito, 23 concellos presentaron as súas propostas mediante esta opción, conformando un total de seis proxectos. Chantada, presentou a súa solicitude agrupando co concello de Carballedo; Sarria presentou a súa solicitude agrupando con el aos concellos de Láncara, O Páramo, Paradela e Samos; na proposta de Monforte de Lemos foron tamén os municipios de Bóveda, Pantón, Pobra de Brollón, O Saviñao e Sober; co concello de Ribadeo agrupáronse os de Barreiros, A Pontenova e Trabada; co concello de Palas de Rei presentaron as solicitudes os entes de Portomarín e Antas de Ulla; e na proposta do concello de Mondoñedo ían tamén as de Lourenzá e Abadín.
Ademais, no presente ano, os municipios recibirán un pagamento anticipado do 60% do importe das axudas concedidas.
Liñas de apoio
O programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes está destinado a medidas como actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades e liña de prevención e tratamento da violencia de xénero a accións de prevención deste problema e intervencións de carácter integral coas vítimas.
No caso destas achegas para fomentar a igualdade nos concellos da provincia lucense, este ano 2013 son un total de 28 municipios os que perciben unha dotación total de 68.745,74 euros para desenvolver programas de promoción da igualdade.
Pola súa banda, o programa destinado ao fomento da conciliación subvenciona todas aquelas accións que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste caso, os municipios da área provincial de Lugo reciben un total de 28.531,49 euros.
Por último, o programa dedicado aos CIM ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.
No tocante á área territorial de Lugo, a partida máis importante corresponde precisamente a esta liña para mantemento e dinamización destes espazos. Así, os concellos con CIM da provincia de Lugo (Burela, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Palas, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro) perciben un total de 438.271,24 euros para o mantemento deste servizo.
De xeito global, no conxunto do territorio lucense, máis da metade dos concellos da provincia son beneficiarios dalgunha das axudas desta convocatoria de subvencións. En total, son 36 os concellos que perciben contías de algunha das liñas dispostas polo departamento autonómico.
López Abella destacou que a resolución destas axudas amosa o compromiso do Executivo autonómico coa cooperación entre municipios e a prestación conxunta de servizos. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que ofrece unha maior eficiencia e en beneficio para os veciños.