Xove, 16 de outubro de 2013. Este xoves, 17 de outubro, ás 10:45 horas, a Tropa de Trapo representará no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove o conto ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’, dirixido a parte do alumnado do CEIP Pedro Caselles e aos seus pais e nais. Trátase dunha nova colaboración entre a Tropa de Trapo e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Xove é socio.
ANTÍA, WAMBA E O REGATO PEQUENO é un espectáculo familiar, orientado para os máis pequenos, pero sen perder de vista aos maiores, cheo de música e historias para facernos reflexionar unha vez máis sobre valores e esperanzas para un cambio posible, para un mundo máis xusto.
Antía é unha nena galega que vai merendar ao parque. Wamba é un mozo do Congo que vende de todo no Top Manta para poder sobrevivir. Unha carreira, un tropezo e un bocadillo van unir as súas vidas e van compartir o que nese momento levan enriba: Antía, a súa merenda, e Wamba, as súas historias.
Ao longo do espectáculo, Wamba contaralle a Antía catro historias que falan de África e de Europa, do que nos sobra e do que nos falta, de compartir de verdade, de valorar o importante, de rir, de mirar con esperanza ao futuro… contos para bailar e cantar, para xogar, pero tamén para sentir e pensar.
Todo fiado coa voz de Wamba e un refrán de súa avoa: o río énchese de regatos pequenos.
Exposición ‘Influír no global desde o local’
En canto á exposición ‘Influír no global desde o local’, elaborada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, está a percorrer distintos espazos de Xove para concienciar sobre o papel das administracións locais e provinciais na cooperación ao desenvolvemento. Por iniciativa do Concello, socio do Fondo Galego, os paneis deseñados por Pepe Carreiro, e despois de pasar polo IES Illa de Sarón de Xove, van poder ser visitados na Sala de Exposición do Centro Cívico, onde van estar ata o 31 deste mes en horario de 18:00 a 20:00 horas.
A través dunha ducia de paneis, a exposición ‘Influír no global desde o local’ pon de relevo o papel dos Concellos e as Deputacións na cooperación para o desenvolvemento. Á vez, realízase unha viaxe no tempo para repasar anos de traballo do Fondo Galego, descubrir a súa razón de ser e achegarse aos proxectos desenvolvidos neste período. Preténdese aproximar a cidadanía aos problemas dos países do Sur, o sistema de cooperación internacional e o rol que dentro del poden e deben desenvolver as entidades locais galegas e a súa asociación: o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A mostra amosa os desequilibrios Norte-Sur; o por que, para que e como da cooperación para o desenvolvemento e concretamente da cooperación realizada desde as Administracións locais, as características fundamentais da cooperación local galega e o labor do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Trátase, pois, de contribuír a que a veciñanza sexa un pouco máis consciente da realidade internacional e dalgúns dos seus problemas fundamentais, chamando a atención sobre a intensa relación global/local e a conseguinte necesidade de que as entidades locais galegas teñan voz propia no mundo.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e tres Deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.