Lugo, 15 de outubro de 2013. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Benestar Social e Igualdade, colabora coa Asociación Luguesa de Información e Axuda ao Drogodependente (ALIAD-ULTREIA) apoiando o funcionamento de dous programas especiais para promover, fomentar e garantir a inclusión social, así como mellorar a calidade de vida dos colectivos menos favorecidos.
Un dos programas, que se desenvolve baixo o lema ‘Preparados, listos, xa!’, e para o que a institución provincial destina 12.800 euros, daralle cobertura a un servizo que realiza actividades a través dun percorrido por varios obradoiros: drogodependencias, familia, ocio, emprego, adaptación social, autocontrol; que ten como finalidade axudar a adaptarse á vida en liberdade, evitando a reincidencia e guiando cara unha autonomía persoal e social completas.
Así, este programa pretende tutelar a persoas con problemas de drogodependencias ao longo dun itinerario que persigue organizar, planificar e orientar o gozo dos permisos de saída penitenciarios e os primeiros momentos en liberdade con vistas a prepararse para esa nova etapa das súas vidas. “Desenvólvese así unha actuación vinculada a un colectivo que afronta barreiras importantes no acceso ao benestar, dadas as súas características, e que fomenta a igualdade de oportunidades no acceso ao benestar e a participación social”, precisou Veiga.
O outro programa, denominado ‘Donas’, para o que o organismo provincial aporta 7.200 euros, ten como finalidade velar polos dereitos das mulleres vítimas de trata ou explotación sexual, actualmente un dos xeitos máis graves e estendidos de violación dos dereitos humanos nos países autodemoninados ‘desenvolvidos’, unha das modalidades de escravitude moderna que supón unha degradación insoportable para a persoas que a padece, que deixa de ser suxeito de dereitos para convertese en obxecto de consumo.
Para levalo a cabo preténdese o achegamento aos lugares máis habituais de exercicio da prostitución para coñecer esta realidade, ofrecendo un amplo servizo de información sanitaria, xurídica e psicolóxica, ofrecendo, ao mesmo tempo, a posibilidade de acceso a cursos formativos e talleres para conseguir a integración social e laboral.
“Fronte a falla de compromiso e o recorte de dereitos ás persoas dependentes e aos seus familiares por parte da Xunta de Galiza, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo seguimos apostando de xeito decidido polos servizos sociais, e con este convenio con ALIAD ULTREIA demostramos o noso compromiso coa promoción dunha mellora na calidade de vida de homes e mulleres pertencentes a grupos ou minorías que atopan serias dificultades para o seu desenvolvemento persoal, familiar ou social”, concluíu Veiga.