A Mariña, 12 de Novembro, 2013. A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade que agrupa a máis de 30 colectivos da Comarca da Mariña así como a rexedores locais como os de Ribadeo, Mondoñedo ou Riotorto anunciou que realizará unha mobilización nacional que se celebrará o día 17 de Novembro en Compostela, sob o lema, “O copago mata. Pola defensa da gratuidade da sanidade en Galiza” e que terá saída da Alameda ás 12.00 horas. “Que quede claro imos dar unha batalla definitiva en defensa da sanidade, unha batalla definitiva que vai ter varios frontes, tamén o institucional, pero que terá na rúa o seu eixe de gravidade fundamental, á vista dunhas institucións autonómicas copadas por unha maioría absoluta que tanto lles ten que un compatriota que unha compatriota poida morrer por carecer de diñeiro para pagarse unha medicación. O PP rematou por tornarse nunha arma letal para os galegos e as galegas que máis precisan da acción do goberno”, afirmou Estoa.
O Portavoz da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade e Alcalde de Riotorto indicou que haberá autobuses desde todos os Concellos da Mariña para acudir a manifestación, podendo apuntarse para acudir a mobilización nos telefones 982-140-654 ou no 982-58-68-45, se ben urxiu aos veciños e as veciñas da Mariña a que procedan a inscribirse coa máxima urxencia co fin de poder organizar desde a entidade o desprazamento colectivo. Estoa chamou a “ facer do vindeiro domingo 17 de novembro unha grande xornada de loita, unha grande xornada de loita que abra a porta a seguinte e que volva a deixar patente que as xentes da Mariña, que o pobo galego non avala nin da por bo unha normativa que é cruel pero sobre todo inxusta. Non deixa de ser curioso que aqueles que se autodenominan provida non teñen reparo algún en deixar morrer a un cidadán cando este non ten recursos para non poder pagarse unha medicación. E que lle quede claro aos responsábeis do PP e ao Sr. Núñez Feixó, cando a inxustiza é a norma na acción de quen goberna, a rebeldía convertese nun deber para o pobo. Isto é, certamente son o máximo representante do Estado en Riotorto, pero antes disto son unha persoa e calquera que se considere persoa non pode dar por bo está decisión”.
Estoa quixo lembrar que “a nosa razón de ser primeiramente, derogar a RD 210/2012 onde se establce o copago para o desprazamento hospitalario non urxente e para as proteses, en segundo lugar instar ao presidente da Xunta de Galiza a que paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de contribución da persoa usuaria e, xa por último, demandar do Goberno do Estado a derrogación da resolución recollida no BOE do 10 de setembro que estabelece a obrigatoriedade da achega do/a usuario/a para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas na referida resolución. Nin máis nin menos, estas son as nosas demandas, e neste espazo entendemos que temos que atoparnos todos os galegos e todas as galegas de ben que non imos dar por bo unha resolución que deixa fóra do dereito a saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo, que non se xustifica mesmo desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, que non garante que a sanidade en Galiza vaia continuar a ser universal e gratuíta, pois significa, de facto, a ruptura con todas as liñas vermellas que garantían a universalidade da sanidade”.