Arredor de cinco mil persoas manifestáronse na xornada deste venres en once vilas e cidades galegas para expresar a súa oposición á decisión do Goberno do Estado de aplicar o copago á determinadas medicacións utilizadas por doentes crónicos, pero tamén para esixir da Xunta de Galiza unha posición semellante á mantida por territorios veciños, como Asturias ou Castela-León, que xa anunciaron que procederían a cubrir a parte do custo da medicación que até o de agora corría ao cargo do Servizo Nacional de Saúde. A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade parabenizou a resposta da nosa sociedade, que dun xeito moi importante deixou patente a necesidade dun cambio de rumo nas políticas da Xunta nesta materia, ao mesmo tempo que anunciou e convocou ao pobo galego á manifestación que se celebrará o domingo 17 en Santiago de Compostela.
O Alcalde de Riotorto lembrou que “ esta iniciativa que nace como unha proposta da sociedade organizada pero tamén daqueles Concellos que aspiran a operar como auténticas trincheiras contra a ofensiva do capital que pretende levar por diante os dereitos sociais básicos, non pretende cinguirse aos marcos das entidades promotoras senón que pretende ser unha canle a medio da cal a sociedade galega poida loitar por conseguir e garantir un dereito básico como é a universalidade da sanidade. Así esta iniciativa social nace e vive para demandar a derrogación do Real Decreto 16/2012 de onde nace toda a lexislación que fixa o copago, unha iniciativa social nace e vive para instar ao Goberno do Estado a derrogación da Orde do 10 de setembro publicada no BOE do 18 no que se fixa o copago para os doentes crónicos e as medicacións dos cancros de ril, mama e outros e na que por suposto se solicita a Xunta que este non sexa aplicado no noso País. Xa sabíamos que o PP non ten corazón porque o corazón está na esquerda, a pesar de que este partido fai parte do integrismo militante tamén nos demostrou estes días que carece de alma e agora tamén nos deixa claro que non sabe o que é a humanidade, porque non hai humano que sexa quen de tolerar que alguén, outro humano, poida morrer por falta de recursos. Así se comportan os campións do dereito á vida”.
Federico Gutiérrez Estoa, o primeiro Alcalde de Galiza e tamén do Estado, que fixo pública unha postura de insubmisión a esta medida e que convocou a xuntanza de onde xurdiu esta proposta indicou que “a aprobación por parte do Goberno do Estado dunha resolución pola que os/as pacientes crónicos/as teñen que afrontar o copagamento das medicinas que lles dispensan na farmacia dos centros hospitalarios significa cruzar todas as liñas vermellas da sanidade. Con esta medida cobraranse medicamentos como Afinitor ou Tyverb empregados en cancros de mama, ou Votrient ou Temodal para o tratamento de cancro de ril e tumores cerebrais respectivamente, así como outras medicacións para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos resecábeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite C crónica. Falamos de até 157 presentacións farmacolóxicas de pouco máis de 50 medicamentos que, segundo sinala o BOE, cumpren coas condicións para seren considerados de achega reducida, ao se tratar de medicamentos de eleccións de enfermidades graves ou crónicas, e estar limitada a súa distribución a pacientes non hospitalizados/as nos servizos de farmacia dos hospitais”.
O voceiro da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade indicou que a convocatoria de onte consistiu en once concentracións, “nomeadamente en A Coruña, Ferrol, Santiago, Costa da Morte, Ribeira, Lugo, Monforte, Burela, Ourense, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía..Agardamos que o PP tome nota da resposta masiva a estas mobilizacións, pois vai ser a capacidade de presión que sexamos quen de facer, a fortaleza que demostre a resposta popular a que paralice ou non esta decisión en definitiva a que determine se os doentes de cancro van ter que seguir a pagar polas súas medicacións. Neste sentido queremos deixar claro que estamos diante dun punto de saída que non vai ter remate até que a Xunta de Galiza adopte a mesma posición, nin máis nin menos, por poñer un exemplo doutros gobernos,como pode ser sen ir máis lonxe o de Castela e León, que a pesar de estar gobernado polo PP non multa como o galego aos seus cidadáns por ter un cancro”.
Xa por último Estoa aproveitou esta comparecencia pública de valoración das mobilizacións deste venres para convocar unha mobilización nacional que se celebrará o día 17 de Novembro en Compostela, sobre o lema, “O copago mata. Pola defensa da gratuidade da sanidade en Galiza” e que terá saída da Alameda ás 12.00 horas. “Que quede claro imos dar unha batalla definitiva en defensa da sanidade, unha batalla definitiva que vai ter varios frontes, tamén o institucional, pero que terá na rúa o seu eixe de gravidade fundamental, á vista dunhas institucións autonómicas copadas por unha maioría absoluta que tanto lles ten que un compatriota que unha compatriota poida morrer por carecer de diñeiro para pagarse unha medicación. O PP rematou por tornarse nunha arma letal para os galegos e as galegas que máis precisan da acción do goberno”.