As actividades pesqueira e marisqueira están a ser un punto de referencia para unha sociedade, a costeira, que ve como en tempos de dificultade o mar ten o reto de seguir constituíndo un elemento de riqueza e de emprego.
De feito, a dimensión social e económica que supón o mar para Galicia ten o seu reflexo nas máis de 46.000 persoas que vinculan a súa actividade laboral ao mar e aos seus produtos, xerando máis de 4.700 millóns de euros anuais que achegan a pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria.
Que este puntal de apoio socioeconómico continúe pola senda do crecemento está supeditado, en boa maneira, ao rumbo que marquen a Política Común de Pesca e o seu instrumento financeiro (o Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro), polo que deberemos estar especialmente atentos á súa configuración definitiva.
Neste punto, e nun ámbito tan complexo como é o da pesca, no que conflúen regulacións autonómicas, estatais e europeas, cómpre especial relevancia que as iniciativas que se trasladen desde Galicia sexan imaxe fiel das inquedanzas, oportunidades, alternativas e reivindicacións do sector.
Amplificar a voz dos homes e mulleres do mar e ser os seus primeiros aliados foi un dos obxectivos perseguidos polo Grupo Parlamentario Popular, que nos últimos anos vén defendendo unha batería de iniciativas coas que busca sumar esforzos, e engadir o apoio do Parlamento galego a peticións que tamén lidera o propio sector.
Así por exemplo consideramos moi oportuno que a postura de Galicia ante a reforma da Política Pesqueira Común fora unitaria, de consenso, e logramos que o ditame que se trasladou a Europa contara co apoio unánime do Consello Galego de Pesca e, por ende, do conxunto dos profesionais da pesca e marisqueo galegos.
Tamén impulsamos a necesidade de flexibilizar o estrito calendario inicial para a eliminación dos descartes pesqueiros, a importancia de autorizar un incremento da cota da pescada de Gran Sol –reivindicación escoitada por Europa- ou distintas alternativas para desterrar os efectos perniciosos do actual reparto de posibilidades de pesca, baseado mal chamado principio de estabilidade relativa ou, nos últimos tempos, a nosa oposición a prohibir o uso das artes de arrastre e enmalle de fondo
Ben é certo que en moitos destes obxectivos aínda queda camiño por andar pero, ter logrado o apoio institucional do Parlamento galego e xa un plus de autoridade para que, alí onde corresponda o proceso de toma de decisións, saiban que Galicia rema na mesma dirección en defensa do seu sector pesqueiro. Noutras ocasións non atopamos a complicidade e apoio dos partidos da oposición, enfrascados nunha estratexia do non polo non sen alternativas, pero iso non impide a nosa convicción de que, o que defendemos da man do sector ten a lexitimidade de ser a voz directa dos profesionais.
E precisamente foros como as xornadas técnicas de Celeiro serven de espazo ideal para escoitar esa voz, dos homes e mulleres do mar, un foro de debate no que, profesionais e administración teñen a oportunidade de intercambiar visións, experiencias incluso estratexias para unha mellor defensa do que máis nos importa: os intereses da nosa flota.
Jose Manuel Balseiro Orol
Secretario do Parlamento de Galicia e voceiro do Mar do Grupo Popular