Este luns día 11 de novembro e día de San Martiño, celébrase un gran magosto na Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña”. Nesta celebración participarán os usuarios de todos os dispositivos cos que conta a Asociación, e realizarase na Unidade Residencial recentemente inaugurada e localizada no Concello de Cervo.
Durante a xornada do luns está prevista a realización de xogos populares así como, se o tempo o permite, a celebración dunha xornada micolóxica. O colofón a esta celebración será unha gran comida con todos os seus usuarios, e no que non faltarán as castañas, producto típico desta época.
O obxectivo é traballar pola rehabilitación do colectivo para o que operamos: persoas con enfermidade mental crónica. A través desta xuntanza contribúese a mellorar as habilidades sociais dos seus usuarios, e transmitir valores fundamentais no mundo social como a empatía e solidariedade, e foméntase a creación e afianzamento dunha rede de apoio social; ao mesmo tempo, con esta iniciativa contribúese a manter viva unha festa tan tradicional como esta.