O Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo aprobou na súa reunión plenaria de hoxe, o orzamento para o vindeiro ano, que ascende a 5.170.752 euros, o que reflicte un incremento de máis de 400.000 euros respecto ós orzamentos vixentes para este ano, que se destinarán prioritariamente a investimentos.
O Pleno deu luz verde ás contas do Consorcio que engloba os parques de Barreiros, Chantada, Monforte, Sarria, Vilalba e Viveiro. Como principal novidade, nas contas para o próximo ano contémplase a adquisición dun camión nodriza equipado para o parque de bombeiros de Monforte. Tamén se aprobou a adquisición de diverso equipamento para este parque, coa dotación de novo material de intervención para oficinas e ximnasio antes de rematar este mesmo ano.
Trátase, deste xeito, de situar a Monforte nun plano de igualdade co resto dos parques da provincia, posto que cómpre lembrar que este parque comezou a traballar hai un ano co material que dispoñía cando as instalacións estaban xestionadas de xeito exclusivo polo Concello.
Os seis parques que integran o Consorcio de Bombeiros de Lugo estende o seu ámbito de actuación a toda a provincia e, xunto co parque municipal de Lugo, dan cobertura en caso de emerxencias ó 90 por cento da poboación. En 2012 rexistraron unhas 525 intervencións, mentres que a setembro deste ano 2013 o balance total era de 504 intervencións. Neste ano o que rexistra maior actividade é o de Sarria, seguido do de Monforte.
O Consorcio de Bombeiros de Lugo, financiado ó 50% pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, no que tamén participan os Concellos, é un exemplo de colaboración entre as Administracións co obxectivo de optimizar os recursos existentes e ofrecer ós cidadáns servizos cada vez máis eficientes.