Mondoñedo, 07 de novembro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo agradece á Xunta de Galicia a subvención que concede ao Concello, para que o equipo de goberno local, integrado polo PSOE e o BNG e liderado por Orlando González, poda seleccionar e contratar dous auxiliares de axuda a domicilio.
O PP local reitera a implicación da Xunta de Galicia co municipio e, en concreto, neste caso a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar que vén de achegar o financiamento para a creación de dous postos de traballo, nun momento de gran demanda de emprego na localidade.
Esta subvención que supera os 14.600 euros, realízase pola Xunta de Galicia ao amparo dos programas de Cooperación entre a Consellería de Traballo e Benestar e as entidades locais.
A administración local é a encargada de realizar o proceso de selección entre a listaxe de traballadores remitida pola Oficina Pública do Emprego. As persoas que reciban no seu domicilio a comunicación da Oficina Pública de Emprego e estean interesados deberán entregar antes do 15 de novembro a documentación requirida (DNI, permiso de conducir e cursos formativos na área) nas instalacións do Concello. Os admitidos provisionalmente, deberán presentarse a unha proba tipo de test, cuxa data non está marcada.
Outra mostra de implicación coa Xunta de Galicia
Ao abeiro do Plan de Cooperación da administración autonómica, o goberno que lidera Alberto Núñez Feijóo tamén concedeu ao Concello de Mondoñedo a dotación orzamentaria suficiente para a contratación de tres peóns de obra.
Esta subvención que supera os 26.600 euros, súmase polo tanto a actual concesión para a contratación de dous auxiliares a domicilio, que permite a contratación de cinco persoas durante seis meses, mostra da boa predisposición da Xunta de Galicia posta de manifesto en reiteradas ocasións, e máis cando leva implícita a achega económica para a creación de postos de traballo.