Cervo, 26 de decembro de 2013- O Concello de Cervo ten por diante unha fin de semana repleta de actividades. A primeira será a celebración do Un, dous tres e terá lugar este venres (19 h. Casa da Cultura). Trátase da cuarta recreación do clásico programa de televisión, que nesta ocasión estará baseado na Lotería de Nadal.
Deste xeito, a ambientación e a temática das preguntas e das probas xirarán ao redor do sorteo. Como é habitual, entre proba e proba haberá actuacións diversas, de humor; musicais; de maxia, co Mago Jorge Manchado; ou de teatro, co grupo Ardora.
Ao día seguinte, o 28 de decembro, celebrarase a Arroutada Inocente, organizada pola Comisión de Festas da Virxe do Carme e coa que colabora o Concello de Cervo. Nela, actuarán o grupo local Clan Maragato e dj Caixa, así como a música da discoteca móbil Decibelio’s. Será na carpa climatizada de entrada libre instalada na praza dos Campos, que estará aberta dende as 22:00 horas, mentres os concertos comezarán ás 00:00 h.
O domingo día 29 (Auditorio da Casa da Cultura, 19 h.) será o momento das Corais de Nadal, unha tarde na que os asistentes poderán escoitar á Coral Polifónica de Barreiros, a Coral de Cangas, o Coro de San Pedro de Bravos e a Corral Terramar de San Cibrao.