Bonito derby o disputado o pasado sábado en Riazor. Non polo visto dentro do rectángulo de xogo, que non foi gran cousa, pero si polo fenomenal ambiente que se respirou nas bancadas do municipal herculino.
A nutrida presenza de afeccionados lugueses tinguiron o estadio de irmandade galega. Con parellas e pandillas misturando camisolas e bufandas nunha fermosa festa do fútbol.
Para un servidor que viviu moitos anos na Coruña e algúns tamén en Lugo, o bo rollo reinante foi dobremente gratificante.
A Coruña amosou o seu lado máis cálido, posiblemente porque cando se fala de Lugo na Coruña, fálase de “galego 100%.” Non é estraño que “de Lugo” sexa sinónimo de calidade contrastada en moitos ámbitos na cidade de cristal, sen esquecer o grande número de lugueses de primeira ou segunda xeración asentados nela.
Para os lugueses baixar ata Coruña é xa un costume de fin de semana, polo que facelo agora por motivos futbolísticos non ía ser un obstáculo, máis ben todo o contrario.
Tiña toda a razón o adestrador branquiazul, Fernando Vázquez, cando declarou ó remate do partido que “é unha mágoa que non foran así sempre todos os derbys”.
E claro, tristemente custa imaxinar un derby dépor-celta ou celta-dépor coa imaxe do pasado sábado. Porque no caso do derby por excelencia do fútbol galego entra en xogo o cetro de ser o primeiro equipo do país e aparece tamén subxacente un mal que ten feito estragos na nosa Galiza: o localismo.
Teño escoitado a economistas e demógrafos ó falar das diferencias entre Galiza e Catalunya, que un factor determinante do crecemento no últimos séculos, dende que a poboación entre ambos países era similar ata este XXI no que a de Cataluña case triplica á nosa, podería ser a vertebración nunha incontestable gran metrópole no caso catalán. Pois se ó redor de Barcelona e toda a súa potencia económica e industrial baseouse o desenrolo do país mediterráneo, en Galiza dispersouse o pulo dunha gran cidade ó longo da súa franxa atlántica. Nunca saberemos se o noso presente sería distinto, máis próspero, cunha, poñamos por caso Coruña, como motor indiscutible económico do país. E como non foi así, tivemos que convivir con esa enfermidade dos localismos que en Galiza cheiran sempre a paletismo en máxima expresión.
Ó longo de varias décadas o abandeirado desta seudopolítica foi Paco Vázquez, quen unía o seu amor incondicional por “La Coruña” cunha galegofobia rancia que resultaba aínda máis ridícula defendida co pechado acento galego de “Don Francisco”. Facer da cidade unha república independente e ver como inimigos ó resto, é unha pobre visión política que pode dar votos inmediatos pero que baixa ás cloacas o sentido de país, neste caso Galiza, dun político.
No presente, semella que Vigo e o seu rexedor toman o testigo dese virus. O señor Caballero cheirou sangue e tírase ó monte do localismo á mínima provocación, coma no caso do aeroporto de Peinador.
Como resultado, un país que cabalga sen rumbo, impulsado dende distintos frontes e con obxectivos difusos.
O localismo vive porque vende, aínda que sexa a costa de degradar a política a súa mínima expresión. Tapa miserias e busca empatías de dubidoso peso cultural.
E xa para rematar, se o berro de Nunca máis puido xuntar a todas afeccións galegas na pasada fin de semana, resulta demasiado utópico soñar cunha Galiza que decide dende todos os puntos cardinais con sentido práctico e histórico de país?.
Deixemos as repúblicas independentes para eses mobles chegados do frío que ti mesmo tes que montar.
Félix Jorquera