Burela, 5 de decembro de 2013. O Concello concedeulle licenza de obra a Gas Natural para as obras do gasoduto da Mariña ao seu paso por Burela. O alcalde, José Mª González Barcia, dixo que “esta infraestrutura ten un enorme interese estratéxico para A Mariña e para o noso municipio”.
O rexedor explicou que “na xunta de goberno celebrada o martes da semana pasada no Concello de Burela concedémoslle a correspondente licenza de obra a Gas Natural para levar a cabo as obras do gasoduto da Mariña, que comeza no concello de Ribadeo, remata no de Viveiro e que polo noso termo municipal ten un tramo de aproximadamente un quilómetro e 300 metros. A licenza foille concedida evidentemente conforme á lexislación vixente e hai que ter en conta que esta obra ten un enorme interese estratéxico para o conxunto da Mariña e tamén para o noso concello”.
González Barcia sinalou que “para o conxunto da Mariña é importante porque é unha demanda dunha empresa de enclave como Alcoa, que está asentada nesta comarca, que xera postos de traballo e que ten a importancia no tecido socioeconómico que todos coñecemos. E a empresa Alcoa ven solicitando dende hai tempo precisamente que se poña en funcionamento unha infraestrutura coma esta, un gasoduto, para poder abaratar os custos de produción, fundamentalmente enerxéticos, que ten agora mesmo a factoría e poder así garantir os postos de traballo que ten a planta”.
O alcalde seguiu a relatar que “para o concello de Burela o gasoduto tamén ten un enorme interese estratéxico, porque neste tramo dun quilómetro e 300 metros vai quedar unha toma para abastecer a toda a rede gasística que temos instalada en Burela e que, convén recordar, data da época de goberno do Partido Popular. Cando Manuel Mon era alcalde de Burela foi cando se iniciou a instalación da rede de gas do noso concello. Polo tanto cando os cidadáns poidan acceder ao gas natural a factura que pagan agora mesmo polo consumo de gas vaise abaratar”. E anunciou que “é intención do Concello de Burela, e así se plasma no Plan Xeral de Ordenación Municipal que xa está na Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva, iniciar xestións no seu momento para desenvolver urbanisticamente o polígono empresarial da zona do Perdouro, onde xa hai asentadas empresas. En todo caso tanto para as empresas que están instaladas actualmente como para as que se asenten no futuro a existencia dunha rede de gas natural no concello de Burela tamén lles vai abaratar a súa factura enerxética, o cal vai repercutir de forma positiva tanto no mantemento como na creación de postos de traballo”.
José Mª González Barcia engadiu que “por todo isto nosoutros, tendo en conta toda a normativa vixente en concesión de licenzas de obra, non podíamos esperar moito máis e de aí que se lle concedera a correspondente licenza a Gas Natural para que cando o estime oportuno, e nós entendemos que canto antes comece mellor, poida dar inicio ás obras que van abastecer de Gas Natural non soamente a Alcoa, que é un tema importante, senón tamén aos cidadáns e ás empresas asentadas aquí, no concello de Burela”.