Ribadeo, 4 de decembro de 2013. O Concello de Ribadeo ten en marcha por terceiro ano consecutivo unha campaña de recollida de xoguetes, libros e material informático para entregar a familias con escasos recursos nas que hai nenos e rapaces de ata 16 anos. Os interesados en colaborar poden entregar os artigos ata o día 12 deste mes e as familias beneficiarias recibiranos do 16 ao 23.
A concelleira de Servizos Sociais, Teresa González, explicou que “poñemos en marcha, por terceiro ano consecutivo, a campaña de recollida de xoguetes Dalle ao volta ao Nadal, porque xogar é un dereito e non un privilexio. Esta iniciativa, que naceu no ano 2011 co obxectivo de fomentar valores como a solidariedade ou a reciclaxe, comezou o día 2 de decembro e rematará unha vez que se entreguen os xoguetes. Haberá unha primeira fase, que vai ata o 12 deste mes, na que nos centros escolares de Ribadeo, como son o Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, o IES Ribadeo, no Sagrado Corazón e na gardería e tamén na sede de Servizos Sociais hai caixas nas que a comunidade educativa pode ir depositando xoguetes, que evidentemente deben estar en bo estado para poder ter unha segunda vida. Son para nenos e nenas de entre 0 e 16 anos, polo que se recolle tamén todo aquel material que se considere digno de agasallo, como poden ser libros, material informático ou todo aquilo que poidan recibir os adolescentes”.
Teresa González engadiu que “unha vez que se finalice a recollida, o día 12 deste mes, posteriormente comezarase coa fase de selección e clasificación de todo o material por idades e desbotando o que non estea de todo ben. E xa se irá chamando ás familias que temos na base de datos e coas que habitualmente traballamos desde os Servizos Sociais. Pero ao mesmo tempo estarán tamén a disposición de todas aquelas persoas que nunca foron usuarios, que poden achegarse polos Servizos Sociais para dar conta da súa situación e poder beneficiarse tamén desta campaña e que as súas familias conten con xoguetes para poñelos o día de Reis, por Papá Noel ou polo Apalpador, cando consideren oportuno”.
A edil ribadense de Servizos Sociais anima a participar nesta campaña, “sobre todo pensando nos nenos e nenas que van recibir os agasallos e tamén nos nenos que temos nas nosas casas, que así tamén aprenden o difícil que é desprenderse de aqueles obxectos que sempre tivemos con nós e ver como poden facer felices a outros nenos”.