Ribadeo, 9 de decembro de 2013. O servizo de recollida do lixo do Concello ribadense vai volvendo pouco a pouco á normalidade. Un dos camións, avariado a semana pasada, xa está a realizar o seu traballo, segundo confirmaba este mediodía o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
O edil nacionalista engade que “o outro camión comezará a traballar cando chegue de Madrid o seu ordenador de abordo, que tivemos que enviar para que o amañaran”. Cupeiro agradécelle á empresa Urbaser “o xesto que tivo co Concello de Ribadeo, xa que nos ofreceu un dos seus camións por si nos fose necesario para estes días”. E tamén tivo palabras de agradecemento “para os veciños e as veciñas de Ribadeo pola súa comprensión e colaboración”.
O concelleiro de Medio Ambiente subliña que “desde o Concello agardamos que o servizo de recollida do lixo se vaia normalizando pouco a pouco”.