Galicia contará con arredor de 2.380 millóns de euros de axudas da Política Agraria Común para o período 2014-2020, o que se corresponde con 340 millóns de euros anuais en axudas para o medio rural galego. Estas cifras son similares ás que se viñan percibindo no período 2007-2013, tanto no caso das axudas directas ás explotacións agrícolas –as do primeiro piar da PAC- coma no caso das axudas correspondentes ao desenvolvemento rural –axudas do segundo piar-. Estes datos están expostos nun informe analizado esta mañá no Consello da Xunta no que se describen os acordos acadados na Conferencia sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, celebrada o 20 e 21 de xaneiro.
Unha das decisións adoptadas nesta conferencia en relación coas axudas directas é a de ligar por primeira vez na historia a súa percepción ao concepto de agricultor activo e a que se demostre a actividade agraria das explotacións agrícolas e gandeiras. Neste sentido, enténdese por agricultor activo aquel que polo menos ten un 20% dos seus ingresos procedentes da agricultura, sen ter en conta os das axudas percibidas. Para demostrar a actividade agraria da explotación será necesaria a inscrición no rexistro oficial de explotacións agrícolas ou ben no Rexistro Oficial de Explotacións Gandeiras (REGA) da Comunidade Autónoma. No caso da actividade gandeira tamén será preciso demostrar un mínimo de gando nas superficies da explotación declaradas como pastos de polo menos 0,2 unidades de gando por hectárea -UGM/ha-. Para as explotacións agrícolas tamén haberá uns mínimos requisitos relacionados coas súas superficies.
En relación coas axudas acopladas, as ligadas á produción, priorizáronse os sectores gandeiros fronte ao conxunto dos sectores. Deste xeito, para toda España vanse destinar a elas un total de 585 millóns de euros anuais, o que supón o 12,08 % das axudas directas. A maioría destas axudas, 490 millóns de euros, destinaranse aos sectores gandeiros, sobre todo ao vacún, que conta con 321 millóns de euros. Isto é de vital importancia para Galicia, onde os pagamentos acoplados van dirixidos na súa totalidade ao vacún.
Destas axudas acopladas, destínanse ao sector lácteo español 94 millóns de euros anuais, o que supón un incremento dun 63%, xa que ata o de agora a asignación actual era de 57 millóns de euros. Este é un aspecto fundamental para Galicia, xa que anualmente para este tipo de axudas recibe un 50% da dotación nacional. Para a repartición das axudas directas ás explotacións aplicarase un modelo de rexionalización que minimizará o movemento de importes entre beneficiarios, sectores produtivos e territorios. Os importes destas axudas do período 2014-2020 non se determinan en función das superficies. Polo tanto, a superficie declarada polos agricultores galegos non condicionará os importes das axudas directas que se van recibir.
Desenvolvemento rural
No caso dos fondos asignados ao desenvolvemento rural, cabe destacar que Galicia incrementa a cantidade que lle corresponde en 33,4 millóns de euros respecto dos recibidos inicialmente en 2007. Deste xeito, para o período 2014-2020 a comunidade galega contará con preto de 890 millóns de euros de fondos europeos FEADER.
Tendo en conta as achegas nacional e autonómica que cofinancian estes fondos FEADER nun 25%, o montante de axudas para o desenvolvemento do medio rural de Galicia –segundo piar- para os próximos 7 anos ascende a 1.186 millóns de euros. Isto quere dicir que por cada 17,5 euros que porá a nosa Comunidade Autónoma xerarase un total de 100 euros que irán destinados directamente ao desenvolvemento rural de Galicia.