Abadín (Lugo), 3 de febreiro de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este luns que a Autovía do Cantábrico é unha porta que abre Galicia a España e a Europa, e destacou que esta infraestrutura multiplica a competitividade da Comunidade no novo escenario económico. Así o dixo o titular do Goberno autonómico durante o acto de posta en servizo dos dous últimos tramos pendentes da A-8 en Galicia -Mondoñedo-Lindín e Lindín-Careira-, que presidiu acompañado da ministra de Fomento, Ana Pastor, e do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, no que cualificou como “un día histórico para Galicia, para a cornixa Cantábrica e para España”.
Na súa intervención, o mandatario autonómico subliñou que esta infraestrutura, cun investimento estatal de 720 millóns de euros e un trazado galego de 86,8 quilómetros, é “un eixe vertebrador” de Galicia consigo mesma, de Galicia co norte da Península Ibérica e de Galicia co resto do vello continente a través do sur de Francia.
Feijóo incidiu no carácter estratéxico da vía, con especial incidencia no tráfico de mercadorías, e puxo como exemplo que un transportista que realice a ruta entre a zona de Santiago e Bilbao poderá aforrar preto de 100 quilómetros, 27 euros de peaxes e uns 20 minutos de tempo en relación coa viaxe por Burgos e a Meseta.
Ademais, o titular da Xunta referiuse á mellora que a Autovía do Cantábrico supón para a seguridade e para as prestacións dos condutores en xeral, e destacou que na viaxe entre Santiago e Ribadeo se aforrará media hora e entre Santiago e San Sebastián, polo menos, dúas horas.
Un reto para a enxeñaría
En relación cos dous treitos inaugurados hoxe, Feijóo remarcou que se trata de algo máis de 16 novos quilómetros de vías de altas prestacións en Galicia que contribúen á cohesión territorial da provincia de Lugo, “especialmente nunha zona con déficits de infraestruturas viarias”.
Salientou que a súa execución supuxo “un auténtico desafío de enxeñaría”, que acaparou o 27% do orzamento do total da vía, con 192 millóns de euros e obrigou á construción de 5 viadutos. O resultado permitirá, dixo, despexar das estradas convencionais un total de 8.000 vehículos ao día, aforrar 10 minutos no traxecto entre Mondoñedo e Careira e realizar un percorrido moito máis seguro e cómodo.
O presidente autonómico afirmou que Galicia é hoxe “unha Comunidade moito mellor comunicada internamente”, que dispón, coa entrada en servizo destes dous tramos, de 1.316 quilómetros de vías de altas prestacións. A ese respecto, puxo en valor o avance rexistrado nos últimos anos, posto que en 2008 as vías de altas prestacións de titularidade autonómica non chegaban aos 313 quilómetros e na actualidade dispoñemos de preto de 450 quilómetros, é dicir, un incremento do 40% en plena crise económica.
“E imos, a pesar das dificultades, seguir investindo: adecuando a estrada entre Moncelos e Abadín, poñendo en servizo a estrada entre Becerreá e Navia e inaugurando a primeira parte do corredor entre Monforte e Sarria, corredor que temos que finalizar nesta lexislatura, conforme ao previsto”, aseverou Feijóo.
Galicia, mellor conectada co exterior
Segundo dixo, a conclusión da Autovía do Cantábrico é un paso decisivo para a mellora das comunicacións externas, ao tempo que se trata dunha mostra máis do compromiso e da determinación do Goberno de España con solucionar definitivamente o atraso e o illamento desta terra en relación coas súas infraestruturas de comunicación.
Como probas dese compromiso, Alberto Núñez Feijóo apuntou o feito de que Galicia sexa este ano a segunda Autonomía con maior investimento do Ministerio de Fomento, o labor que se está a realizar para rematar no horizonte próximo os últimos tramos pendentes en Asturias e Cantabria para culminar plenamente a A-8 ou o esforzo destinado a que este mesmo ano se poida realizar o percorrido completo do Eixe Atlántico en alta velocidade.
Xunto con isto, puxo en valor o investimento para avanzar na conexión por AVE entre Galicia e Madrid co obxectivo de ir acurtando tempos de viaxe e de que sexa unha realidade plena no horizonte comprometido de 2018.
O presidente galego expresou o seu convencemento de que “ningún español pode ver nestes datos, con honestidade, algo diferente a un acto de estrita xustiza. O Ministerio de Fomento e o Goberno de España están facendo o que restaba por facer para homologarnos ao resto das comunidades. Por iso a finalización da Autovía do Cantábrico, a finalización do Eixe Atlántico de alta velocidade, a finalización das autovías do interior de Galicia, e a construción do tren de alta velocidade coa meseta non é máis que equipararnos ao resto das comunidades”, aseverou Feijóo ao respecto.
O titular da Xunta concluíu a súa intervención insistindo en que esta autovía será unha das vías que máis incidirán na incipiente recuperación económica porque, segundo explicou, por esta autovía acercarémonos a Europa, as mercadorías terán unha diminución dos custos no seu tratamento e iniciarase a relación directa das cidades da cornixa Cantábrica de forma definitiva.
*Foto: Conchi Paz.