Burela, a 2 de febreiro de 2014. O temporal da noite deste sábado en Burela causou danos que segundo o alcalde, José Mª González Barcia, “puideron ser bastante máis tendo en conta o estado do mar”.
O rexedor percorreu este domingo pola mañá o porto burelés, acompañado do patrón maior da confraría, Basilio Otero, e os paseos marítimos da Marosa e O Cantiño. No porto, segundo o alcalde, “os danos son menores, un pantalán avariado e un par de botes afundidos, aínda que un puido ser posto a flote e subido ó peirao; cabos e estachas que saltaron e sobre de todo moito susto e temor na xente do mar, que estivo toda a noite nas embarcacións para facer o que fose preciso para salvalas en caso de que fose necesario. Por sorte, e a falta de facer un balance exhaustivo e un repaso da estrutura portuaria por parte de técnicos de Portos de Galicia, os danos non entranan excesiva preocupación; de feito, o pantalán será arranxado de inmediato na vindeira semana”.
No tocante ós paseos marítimos, o alcalde afirmou que “no do Cantiño, hai elementos construtivos desprendidos e sobre de todo moita vexetación e restos de terra e rochas no tramo do paseo no propio entorno da urbanización; tamén hai pequenos danos en dous peches de dúas casas”.
No tocante ó paseo marítimo da Marosa, hai tramos nos que a parte superior do muro do paseo foi arrancada, pero sobre todo destaca “o barrido que o mar fixo no aparcadoiro traseiro do campo de fútbol da Marosa: levou o muro do paseo, os bancos, etc, aínda que isto non é a primeira vez que pasa”, indicou González Barcia.
O alcalde burelés manifestou que tanto Portos de Galicia como Costas do Estado xa están avisados do acontecido e que nos próximos días comezarán as actuacións máis inmediatas para arranxar os danos: “a nosa preocupación fundamental é o porto; o dos paseos xa se irá arranxando pouco a pouco”. González Barcia afirmou que persoal municipal hoxe mesmo xa está levando a cabo traballos para retirar certos materiais e que se colaborará coas administracións competentes para solucionar os desperfectos causados polo temporal”.
Ata esta hora da tarde non se teñen producido máis incidencias no concello de Burela.