Burela, 18 de febreiro de 2014. O alcalde de Burela, José María González Barcia, agradeceu este martes a visita feita o luns ó concello burelés polo Conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez, e amosouse moi satisfeito co anuncio feito relativo á renovación do tellado do edificio nº 1 do CEIP Vista Alegre, e que suporá un investimento de 140.000 euros.
González Barcia manifestou que “as xestións que fixemos coa Consellería foron eficaces e en todo caso en contacto coa dirección do centro, e hai que recoñecer que tivemos boa acollida por parte do conselleiro. O propio conselleiro sempre mostrou o seu compromiso con facer esta obra, e polo tanto é de xustiza recoñecerlle a súa implicación efectiva”.
O alcalde burelés recoñece que “esta obra era necesaria, e máxime despois dos últimos temporais, pero a enorme demanda de actuacións semellantes que ten o conselleiro riba da mesa podían retrasar a súa execución. Polo tanto, é para estar moi satisfeitos, xa que, grazas ó compromiso do conselleiro Jesús Vázquez, esta actuación permitirá ter un edificio que polo demais atópase en bo estado e que pode ser aínda moi aproveitable e aproveitado, e que pode e poderá dar moito servizo á comunidade educativa”.
José María González Barcia puxo en valor a xestión da Consellería de Educación no referido ó concello burelés: “a consellería puxo en marcha unha extensión da Escola de Idiomas que, neste segundo curso, ten a matrícula no límite máximo; ten feito actuacións nos dous CEIPs, algunhas en colaboración co propio Concello, como ocorreu coa biblioteca do IES Monte Castelo, na que a consellería puxo os cartos e o Concello a man de obra; e estou seguro que algunhas cuestións que temos en estudio tamén se resolverán positivamente”.