O PP de Viveiro atendendo unha vez máis ás demandas dos veciños dos barrios de Hermosende, Pontigo e Parraguesa da parroquia de Galdo, motivadas pola situación do saneamento destes barrios cuxa obra foi rematada fai uns anos, pero que a día de hoxe e debido á falta de servizo eléctrico non se puxo en funcionamento.
A pesar do interese mostrado tanto polos veciños, como por este grupo municipal que demandamos repetidamente tanto nos medios de comunicación, coma a través de rogos e preguntas nas sesións plenarias dos días 31/10/2012 e 20/06/2013, dándosenos respostas do máis variopinto, desde que faltaba conectar, ata as esixencias de Begasa que pedía un reforzo de liña, o único certo é que nestes momentos o goberno local non quixo, ou non foi capaz de dar este servizo ós veciños dos citados barrios.
Segundo puidemos saber algún veciño dun destes barrios dirixiuse a Begasa para ter coñecemento da situación sobre o enganche eléctrico para o saneamento, sendo a resposta da empresa que non tiña coñecemento de ningunha solicitude por parte do Concello.
Por este motivo e ante a situación creada, o grupo municipal do Partido Popular solicitará por escrito á Alcaldesa que nos informe de cal é a situación real a día de hoxe do citado saneamento e cales son os motivos polos que non está en servizo a tan demandada obra destes barrios.