Santiago, 4 de febreiro de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia informa de que todo o litoral galego permanecerá en alerta vermella por temporal durante a xornada deste mércores.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) trátase dun temporal costeiro con ventos de Suroeste que acadarán forza 9 e mar combinada do Noroeste con ondas de máis de nove metros. Segundo as predicións da AEMET, a alerta vermella permanecerá activada ata as 15,00 horas aproximadamente, e xa a partires de aí baixará a nivel laranxa para o resto da xornada.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das tres provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como permanecer alonxado de praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns ou todas aquelas zonas susceptibles de seren afectadas por un golpe de mar. E igualmente, revisar os amarres das embarcacións antes da chegada do temporal, evitar realizar prácticas deportivas e náuticas.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
Máis de 350 incidencias neste martes
O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou esta tarde -entre as 12 e as 18 h.- un total de 351 incidencias a causa do temporal que está a afectar a Galicia durante este martes.
As provincias atlánticas concentraron o maior número de intervencións. Así, en Pontevedra, producíronse o 41 por cento dos incidentes, mentres que un 39 por cento ocorreron na Coruña, un 15% en Lugo e o restante 4% en Ourense. A maior parte das incidencias estiveron relacionadas con caídas de árbores e pólas (159), verteduras nas estradas (29), bolsas de auga (17) e cartaces caídos (12).
Os concellos con maior número de incidentes foron A Coruña, Ribeira, Santiago de Compostela, Boiro e Arteixo, na Coruña; Vilagarcía de Arousa, Moaña, Pontevedra, Cangas, Vigo e Silleda, en Pontevedra; e Lugo e Foz na provincia de Lugo.
Atendéronse máis de 1.500 chamadas
Ademais, entre as 12 e as 18 horas o 112 Galicia atendeu 1.534 chamadas e xestionou un total máis de 500 intervencións, das cales 351 estiveron relacionadas cos fenómenos adversos de nivel vermello en terra e laranxa en costa. O punto de maior actividade tivo lugar ás 16 horas desta tarde.
En canto ás incidencias máis destacadas, en Ferrol o Helicóptero Pesca II rescatou esta tarde a cinco tripulantes dun remolcador que foron trasladados ao porto de Viveiro para lles facer un recoñecemento médico; a Garda Civil cortou o tráfico na PO-11 (Pontevedra), en ambos dous sentidos da circulación a causa da subida da marea; e detectáronse problemas nas vías férreas de Catoira e Padrón; aínda que a esta hora o tráfico está restablecido.