Cervo, 21 de marzo de 2014- A celebración da VI Ruta do Poldro achégase. Por iso a asociación organizadora, Cabaleiros do Xunco, e o Concello de Cervo como colaborador, deron a coñecer hoxe o cartel e a programación deste evento que se celebra todos os anos no mes de abril, e que se consolidou como unha cita habitual que adoita convocar a un cento de xinetes.
Unha ruta que se celebrará o domingo 13 de abril a partir das 9:30 h. e terá como punto de partida e de chegada O Guioncho, e que discorrerá por Gondrás, Castelo, onde se fará un descanso para o avituallamento, A Senra, Viladesuso, San Ciprián e Lieiro. Ao remate, tamén no Guioncho, os xinetes gozarán dunha comida. En total o itinerario a cabalo será duns 20 quilómetros a través de pistas e camiños do municipio.
O prazo de inscrición está aberto ata o 7 de abril chamando ao 636 94 08 88 ou 625 06 77 43. Un evento non competitivo no que se trata de que “os xinetes poidan percorrer o municipio nos seus cabalos e pasar unha xornada de convivencia con persoas que comparten a mesma afección”, explica o edil de Zona Rural, José Ramón Soto, que estivo na presentación xunto ao alcalde, Alfonso Villares, o presidente de Cabaleiros do Xunco, Julián Otero e outros membros da entidade.