Cervo, 7 de abril de 2014- O Concello de Cervo dedica o mes de abril ao medio ambiente, coincidindo coa celebración o día 22 do Día Mundial da Terra. Un mes no que se inclúen numerosas actividades relacionadas co coidado do medio natural e a concienciación social. As primeiras terán lugar esta semana e consisten en charlas sobre separación de residuos e reciclaxe, este martes na Casa da Cultura e o mércores na Casa do Concello, as dúas ás 19 horas.
Unhas charlas tituladas “Separemos ben. Reciclaremos mellor” incluídas nunha campaña promovida pola Xunta de Galicia, Sogama e Ecoembes. Nelas, os asistentes recibirán toda a información necesaria para separar residuos no fogar de forma correcta xa que na actualidade seguen rexistrándose impropios, é dicir, lixo que se bota no contedor equivocado.
Da mesma maneira, nesas charlas aproveitarase para dar información sobre outras iniciativas relacionadas co coidado do noso contorno, como é o caso do proxecto de reforestación con árbores autóctonas, que o Concello pretende abrir e impulsar entre toda a poboación. Así, farase entrega de árbores entre todos os asistentes á charla e de forma gratuíta.
Un mes de abril no que ademais se abrirá o prazo para participar no IV Concurso de Fotografía “Cervo respecta”, centrado en imaxes da natureza e do medio ambiente e do que se dará información de forma detallada.
O Mes do Medio Ambiente tamén incluirá dúas iniciativas de concienciación dirixidas á poboación infantil. Trátase de visitas de escolares dos centros educativos do municipio ao Punto Limpo. Así, o CEIP Cervo nº1 de San Ciprián (24 de abril) e o CEIP Cervo (29 de abril) farán unha saída para coñecer esta instalación.
Unhas visitas coas que o Concello pretende “implicar a la población en el cuidado del medio ambiente desde edades muy tempranas, ya que es la mejor forma de conseguir una sociedad respetuosa con nuestra naturaleza y nuestros recursos” explica a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, que tamén destaca a importancia do conxunto de actividades do mes de abril porque “con ellas ponemos el foco de atención en las diferentes rutinas y actitudes que debemos adoptar para cuidar el entorno”.